A Pobra do Caramiñal acolle o domingo a representación teatral “Integral”

Presentación do espectáculo teatral
O domingo 19 de maio, ás 20.00 h. no Elma o grupo de Aquelando Teatro presenta a obra Integral de Roberto Vidal Bolaño.
Esta obra (Integral) é a última escrita por Roberto Vidal Bolaño e foi rematada cando xa sabía que a vida se lle escaba con rapidez. No texto adivíñase ese engano consentido que a veces é a vida. Vidal Bolaño, singular seña de identidade do teatro galego contemporáneo, manexa con sabiduría o tempo, a atmósfera e os diálogos nun antigo cabaré no que conviven os soños de uns e as nostalxias doutros convírtense nunha lúcida metáfora da existencia.
Integral é o último texto teatral de Roberto Vidal Bolaño, escrito a petición da Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón quen o levou por primeira vez a escena.
En Integral están algunhas das constantes teatrais de RVB; a querencia polos persoaxes marxinais e derrotados, un realismo cru e directo, a presenza dun humor retranqueiro e filosófico, a fantasía, o soño e a ilusión por un mundo mellor.
Integral amósanos que a vida está chea de teatralidade e que a cotío a usamos para sobrevivir dignamente.
Celebramos que as Letras Galegas 2013 estean dedicadas a un dramaturgo, a un teatreiro en todas as súas facetas, autor, director, actor, iluminador, produtor, escenógrafo… que dignificou o oficio e fixo que o teatro galego fose unha realidade.
En Aquelando Teatro agradécenlle a RVB o esforzo e a grande capacidade teatral do único xeito posible, poñéndolle voz, movemento, sentimento, carne, luz, nervio e moito empeño ás súas palabras. Queren compartilo man a man con todos aqueles que queiran disfrutar do teatro.
Ao respecto do grupo Aquelando Teatro, dicir que naceu no ano 2012. Formado polos alumnos adultos do obradoiro municipal de teatro de Muros, que leva funcionando 20 anos. Na actualidade está formado por 12 actores e actrices e o seu director é Lucho Penabade do grupo de teatro de rúa Os Quinquilláns.
Este espectáculo é para maiores de 16 anos e a entrada é de balde.











