A piscina termal das Burgas estará pechada para realizar labores de limpeza e mantemento das instalacións
A piscina termal das Burgas permanecerá pechada dende o vindeiro luns, día 6 de maio, ata o venres, 10 de maio, para realizar traballos de mellora e mantemento das instalacións, necesarios para garantir as mellores condicións de uso por parte dos agüistas. Consistirán básicamente, no baleirado da piscina termal, limpeza do seu interior e a renovación da zona de vestiarios.
O peche da piscina non afectará ao resto de espazos públicos das Burgas, xa que tanto o bulevar termal como o Centro de Interpretación seguirán abertos (este último de martes a domingo, como é habitual).
O Concello de Ourense solicita aos usuarios desta piscina que desculpen as molestias que lles poda ocasionar o peche, e lembra que poderán utilizar outras áreas termais da cidade que funcionan con normalidade, como as sitas na marxe dereita do río Miño: as públicas e gratuítas de Outariz, Burgas de Canedo e A Chavasqueira, e as estacións termais de xestión privada de A Chavasqueira (que abre tódolos días da semana, agás os luns) e Outariz (que abre tódolos días da semana agás os martes). A elas unirase nun período curto de tempo as Termas do Muiño, unha vez rematen os traballos de limpeza que está a facer o Concello.











