A piscina municipal da Ramallosa chegou en maio aos 1000 abonados pagadores
A piscina municipal climatizada da Ramallosa chegou ós 1.000 abonados pagadores a semana pasada. En total neste momento hai 1.012 abonos realizados dende a apertura das instalacións, que comezaron a funcionar o pasado 22 de abril. A valoración dende a área de Deportes do Concello de Teo, dirixida por Anxo Rei é “altamente positiva”. As cifras “avalan a calidade das instalacións e alta demanda existente dun servizo destas características”.
Anxo Rei tamén explica que estes datos evidencian a capacidade da piscina de ser un servizo autofinanciado, un dos aspectos máis destacables para o Concello xa que no momento actual “é imprescindible que non sexa deficitario economicamente” explica Rei. Ademais segundo o estudo económico do servizo e as previsións da empresa xestora as cifras actuais de 1000 abonados nun mes superan as previsións máis optimistas.
A piscina municipal climatizada conta ademais do espazo para a natación cun xinmasio, dúas salas polivalentes para clases de fitness, unha pista multideporte, pista de pádel e locais para fisioterapia. A versatilidade do espazo e a variada oferta de actividades explica a boa acollida por parte dos usuarios nestas primeiras semanas.
A cifra dos 1.000 abonados pagadores supón na práctica que case 2.200 persoas son usuarias reais das instalacións xa que moitos dos abonos son familiares incluíndo ós pais, nais e menores de 18 anos. A cifra de persoas anotadas a cursos para estes meses de maio e xuño supera xa os 500.
Pola súa banda a empresa xestora está traballando nestes días para a posta a punto das piscinas descubertas, que como cada tempada, abrirán o 15 de xuño. As piscinas de Luou e Os Tilos estarán abertas ata mediados de setembro. As persoas que teñan o abono da piscina climatizada poderán acceder sen custo ás piscinas descubertas. Tamén estarán exentos de pagamento nas dos Tilos e Luou as familias que presenten a tarxeta do paro de todos os seus membros; os maiores de 65 anos presentando o DNI e o s menores de 5 anos. Para as persoas que non están abonadas na instalación da Ramallosa e queren abonarse só para as descubertas na tempada de verán o prezo é de 17 euros o abono adulto e 27 o familiar para todo o verán. A entrada libre é de 2,5 euros por día.