publicidade hoxe

A piscina clausura os cursos infantís coa entrega de diplomas e xogos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal
A-
A+
Curso infantil na piscina

Curso infantil na piscina

A Concellería de Deportes que dirixe o edil Luis Guillén clausurou esta tarde os cursos infantís impartidos na piscina municipal de Lieiro ao longo do período 2012-2013. Un acto no que participaron uns 60 nenos e nenas que, recolleron os diplomas acreditativos da súa asistencia da man do edil así como do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e despois puideron participar en xogos acuáticos preparados para a ocasión cos seus respectivos monitores e acompañados tamén por pais e nais.

Un evento de clausura co que se pon o broche final a esta temporada deportiva na piscina olímpica, onde se impartiron cursos de natación para nenos e adultos, para bebés e aquagim nos que participaron en total unhas 100 persoas. Ao mesmo tempo, a delegación de Deportes e o persoal da piscina xa traballan conxuntamente na programación dos cursos para o período 2013-2014, nos que prevén incluír novidades “cunha oferta máis variada e atractiva se cabe para fomentar a práctica de deporte acuático” tal e como explica Guillén.

Outro dos obxectivos é “seguir na liña de potenciar a utilización desta instalación municipal e explotar ao máximo as súas posibilidades” engade o edil de Deportes, departamento que tamén aproveitou para facer balance do uso da piscina. Un balance que arroxa datos moi positivos xa que en só dous anos incrementou o número de asociados nun 22%, pasando de 568 en maio de 2011 a 697 no mesmo mes de 2013.

Uns datos nos que se contabiliza unicamente o número de persoas asociadas que aboan unha cota mensual, polo que a cifra de usuarios reais é moi superior ao non incluírse a cantidade de bonos nin de entradas libres vendidos. A modo de referencia, dicir que en só dous meses, abril e maio, os usuarios solicitaron un total de 70 bonos con 10 pases cada un.

30 de maio de 2013 | 21:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.