A paixón polo motor chega a Gondomar
Gondomar quenta motores e prepárase para a 49ª edición do Rallye Rías Baixas, que se celebrará os próximos días 30 e 31 na provincia de Pontevedra.
Os veciños de Gondomar poderán ver de preto os mellores pilotos do Campionato de España de Rallys de asfalto. O próximo venres 31, os distintos equipos participantes na 49ª Edición do Rallye Rías Baixas realizarán unha parada, ao termo de cada sección da primeira etapa (19.35 e 21.46), de media hora na Praza do Concello onde se montará un parque pechado cos vehículos.
Como aperitivo, o Concello de Gondomar e o Equipo Rías Baixas organizan mañá, mércores 29, unha mostra fotográfica, unha exposición de vehículos de carreiras na praza do Concello e unha charla-coloquio no Auditorio Lois Tobío.
Mostra fotográfica e exposición de coches como pistoletazo de saída
Abre a xornada dedicada ao motor unha mostra fotográfica de Kike Salgueiro e unha exposición de coches de rallye.
A Praza do Concello acollerá dende a mañá do mércores 29 unha exposición do fotógrafo do nacional de rallys e veciño de Gondomar, Kike Salgueiro. Ademais das impresionantes instantáneas, o público poderá ver in situ catro dos vehículos participantes na proba, entre eles, o Mitsubishi do piloto gondomareño, Alberto Meira, o Porsche 911 de Sergio Vallejo, o Suzuki Swift de Pablo Pazó e o Opel Corsa de Esteban Vallín.
Como colofón terá lugar unha charla coloquio que contará con pilotos participantes na proba
Terá lugar o mércores 29 no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, ás 20.00 horas.
Estarán os pilotos Sergio e Diego Vallejo, campións de España de asfalto; Pablo Pazó e Moncho Seoane, campións da Copa Suzuki Swift 2012; Esteban Vallín, piloto oficial da rede Opel España e Alberto Meira, veciño de Gondomar, e campión da 48ª edición do Rías Baixas acompañado do seu copiloto, David Vázquez. Tamén estará o Presidente do Equipo Rías Baixas, Fernando Mouriño e o fotógrafo Kike Salgueiro.
A entrada é gratuíta e o aforamento limitado 250 prazas