A OMIX informa sobre as axudas que ofrece a Xunta á mocidade para a obtención do carné de conducir clase B
A Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) informa á mocidade do municipio sobre as axudas económicas que concede a Xunta de Galicia para a obtención do carné de conducir do tipo B. A Consellería de Traballo e Benestar convoca esta liña de subvencións co obxectivo de fomentar a empregabilidade dos mozos e mozas, así como a seguridade viaria entre este colectivo.
Esta convocatoria ten unha dobre finalidade. Por un lado trátase de fomentar a autonomía da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, de xeito que poidan achegar o permiso de condución como parte do seu currículo, tendo en conta o necesario que resulta dispor da autorización administrativa para conducir vehículos e de que en moitos casos pode ser determinante para o acceso a un emprego. Por outro lado, a medida ten un carácter formativo e preventivo, dentro da educación non formal, tendente a diminuír a sinistralidade da mocidade galega nas estradas, ao vincular a obtención da axuda á asistencia a un curso de seguridade viaria.
A Concellería de Xuventude que dirixe Francisco González divulga esta convocatoria debido ao interese que pode ter para moitos mozos e mozas aos que contar co carné de conducir lles resultaría positivo á hora de buscar emprego e tamén polos efectos positivos que lles reportará a realización don curso de responsabilidade na condución.
A Concellería de Traballo e Benestar distribuirá a través desta convocatoria un total de 100.000 euros entre os solicitantes destas subvencións que reúnan os requisitos establecidos. Entre eles atópanse ter entre 18 e30 anos, residir en Galicia, posuír o carné xove, e que o nivel de ingresos da unidade familiar non supere os máximos recollidos na orde en función ao IPREM establecido para 2013 e ao número de membros da unidade familiar. O importe da axuda serán de 250 euros para cada solicitante, ata esgotar o crédito dispoñible.
O prazo de presentación desta axuda para financiar a obtención do carne de condución da clase B comeza hoxe, 14 de maio, e permanecerá aberto ata o 1 de outubro ou, no seu defecto, ata que se esgote a partida orzamentaria.
As bases da convocatoria, cos requisitos a cumprir, a documentación esixida e demais publicouse no DOG de onte, 13 de maio. Tamén aí se pode obter o formulario para realizar a solicitude e que poderá presentarse vía telemática, a través do enderezo https://sede.xunta.es , ou por escrito en soporte papel.











