publicidade hoxe

A mesa local do comercio de Ponte Caldelas analiza e planifica diversas iniciativas para dinamizar a actividade economica no municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
Reunión da mesa de comercio

Reunión da mesa de comercio

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, presidiu a reunión da Mesa Local do Comercio coa asistencia da presidenta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (Coempo), Gloria Suárez, a representante da Xunta de Galicia, Rosa María Rivas e varios técnicos municipais.

Os membros da Mesa analizaron a situación actual do sector do pequeno comercio, moi afectado polos efectos derivados da crise que padece todo o país. Así mesmo decidiron planificar diversas iniciativas tendentes á dinamización da actividade económica e turística do municipio no segundo semestre do ano.

Entre as alternativas baralladas polos membros da Mesa Local do Comercio, manifestaron o seu desexo de acollerse á liña de axudas que está a poñer en marcha a Xunta de Galicia para dinamizar o sector en municipios rurais, como o de Ponte Caldelas, para o cal presentarán diversos proxectos ante a Consellería de Economía e Industria tanto para a mellora de infraestruturas coma para fomentar o consumo en establecementos do municipio.

EVENTOS ESTIVAIS PARA INCENTIVAR O CONSUMO E A AFLUENCIA DE VISITANTES A PONTE CALDELAS

Outro dos obxectivos formulados na reunión polo alcalde Perfecto Rodríguez é a posta en marcha, este verán, de diversas actividades que terán como escenario a Alameda de Ponte Caldelas e como obxectivo atraer a afluencia de visitantes á vila, tanto das zonas limítrofes coma de núcleos urbanos máis poboados como Pontevedra ou Vigo.

Así, o Concello pretende celebrar na Alameda de Ponte Caldelas un Mercado Artesanal do Peregrino, o fin de semana do 29 e 30 de xuño, onde os postos relacionados con esta actividade de promoción turística e etnográfica convivan coa rica e variada oferta do comercio local e a hostalaría que aproveitarían a presenza de visitantes para dinamizar a súa actividade empresarial.

Outras iniciativas que levará a cabo o Concello, en colaboración cos comerciantes será a realización dun fin de semana de Xogos Tradicionais, previsiblemente o fin de semana do 13 e 14 de xullo, así como a Festa dá Bicicleta-unete á Volta, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, que terá lugar o domingo 21 de xullo.

Así mesmo, as celebracións tradicionais do verán en Ponte Caldelas, como a Festa dá Batalla e a dos Doores serán aproveitadas para fomentar o consumo no comercio local para o cal se deseñarán actuacións especialmente dedicadas a dinamizar a actividade económica e empresarial da vila.

Por outra parte, a presidenta de Coempo, Gloria Suárez, manifestou o desexo da Asociación de organizar en outono un fin de semana de desfrute en familia do comercio local con actividades para nenos, así como a posibilidade de xerar un vínculo estable entre os residentes en Ponte Caldelas e o seu comercio tradicional.

Coempo tamén indicou o seu desexo de celebrar unha nova edición da Feira de Oportunidades, cuxa data aínda por fixar de forma definitiva, sería con toda probabilidade no mes de setembro.

PONTE CALDELAS, PARA DEGUSTAR, PASEAR E COMPRAR

Tamén quedou sobre a mesa a posible celebración dun evento gastronómico que baixo o título de “Ponte de Pinchos” podería realizarse no outono deste mesmo ano como forma de potenciar non só a hostalaría local senón a Ponte Caldelas como destino de fin de semana para persoas que vivan en cidades próximas, como Pontevedra ou Vigo e que queiran coñecer a gastronomía local, o seu comercio e gozar da tranquilidade que ofrece esta vila.

O marco incomparable do río Verdugo, o seu paseo fluvial, o turismo familiar e os seus atractivos etnográficos serán os valores que se potenciarán dende o Concello de Ponte Caldelas e que terán como obxectivo dinamizar a actividade económica e comercial dos establecementos existentes na localidade.

ABERTO O PRAZO PARA A POXA DE POSTOS NO MERCADO DE ABASTOS MUNICIPAL ATA O 20 DE XUÑO

Finalmente, a Mesa Local do Comercio recibiu puntual información das xestións realizadas polo Concello de Ponte Caldelas para dinamizar a actividade económica no municipio ao tempo que se lle explicou que aínda permanece aberto o prazo, ata o 20 de xuño, para que calquera persoa ou entidade xurídica poidan acollerse á poxa pública para a adxudicación de cinco postos da bancada central do Mercado de Abastos destinados a peixe, froita e verdura, de 2,20 metros cadrados cada un, e outro, pechado no lateral da praza, cunha superficie total de 15,76 metros.

O alcalde recordou que a adxudicación se fará por procedemento aberto e por poxa cun prezo mínimo de saída de 125 euros, no caso dos postos de bancada central, e de 1.225 euros, no pechado lateral da praza. O canon anual será de 94,75 euros nos pequenos e de 663,32 euros no grande.

As bases e o procedemento a seguir polos interesados nos postos encóntrase publicado publicado no Boletín Oficial da Provincial (BOP) e na web do Concello (www.pontecaldelas.org) e supoñerá a concesión dos postos por 20 anos debendo iniciar os adxudicatarios a súa actividade nun prazo máximo de 3 meses, contados a partir da súa notificación.

APOIO TECNICO E MATERIAL DO CONCELLO DE PONTE CALDELAS A COEMPO

Así mesmo, e antes de finalizar a reunión, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, ofreceu a colaboración do Concello á asociación de comerciantes e empresarios en todas aquelas iniciativas que desexen poñer en marcha, xa sexa dende o punto de vista de apoio técnico no deseño e realización de cartelería e folletos, así como na propia organización das súas actividades.

Técnicos municipais prestarán asesoramento en materia de acceso a subvencións e programas desenvolvidos polas distintas administracións así como en infraestruturas, montaxe ou organización de eventos. Ademais o Concello terá en conta esta entidade na promoción externa a través de internet e o novo proxecto de Códigos QR no que está a traballar.

31 de maio de 2013 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.