publicidade hoxe

A mancomunidade de Ferrol organiza unha nova xornada sobre emprego e novas tecnoloxías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

Os alcaldes dos concellos do contorno da ría que forman parte da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que preside o rexedor ferrolá Jose Manuel Rey Varela, pecharon hoxe o programa da Xornada sobre Emprego e Novas Tecnoloxías. Este encontro terá lugar o vindeiro día 30 de maio na sede da Fundación Novacaixagalicia, situada na praza da Constitución. Está aberto o prazo de inscrición, que é gratuíta e se expedirá certificado de asistencia. Os interesados poden anotarse “on line” e, ao mesmo tempo, consultar o contido da xornada na seguinte dirección: www.xornadaemprego.com.

Esta será a segunda edición desta xornada que organiza o organismo supramunicipal, O encontro analizará as ferramentas e sistemas de traballo que poden contribuír ao aforro das empresas, tanto en termos económicos como medioambientais, e desta maneira favorecer o emprego e o emprendemento. Conceptos como teletraballo, coworking, software libre… vanse estendendo no mercado laboral e na xestión empresaria e precisamos coñecer tanto as súas vantaxes como os seus límites e desafíos. Estas xornadas contan coa colaboración da Deputación da Coruña. 

Colaboración con Asfedro

Outro dos asuntos abordados na reunión ordinaria desta tarde polos alcaldes da Mancomunidade foi o plan de prevención no ámbito educativo, familiar e xuvenil da Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO) composto por diferentes progrmas que se desenvolverán ao longo de ano. No primeiro programa, centrado na intervención no centro de menos Soutomaior, o equipo de prevención de ASFEDRO en conxunto coas profesionais do centro traballarán para promover a adopción de estilos saudables por parte dos perceptores dos servizos dos centros de menos e de reducir os problemas sociosanitarios derivados dun consumo abusivo de drogas, entre outras cousas.

Outro ámbito de actuación do programa é o familiar. Os destinatarios son as nais e os pais dos concellos que compoñen a Mancomunidade con fillas e fillos entre 12 e 22 anos:: e o obxectivo é poñer en marcha con eles unha “Escola de Saude”. Trátase de modificar os factores de risco e de protección do contorno familiar para previr o abuso de drogas nos adolescentes, por medio da mellora das habilidades educativas, o fortalecemento dos vínculos familiares e a clarificación da postura familiar con relación ao consumo de drogas. En definitiva, a finalidade é promover unha maior implicación dos pais, nais ou titores como axentes de saúde.

E o terceiro e último ámbito de intervención son o alumnado dos Institutos de Educación Secundaria, onde se propón a realización de sesións informativas dirixidas a mellorar a información dos estudantes sobre as substancias, efectos e consecuencias en aspectos físicos, psíquicos, sociais e legais; e para incrementar a percepción de risco relacionado co usos de drogas entre o alumnado.

Outros temas

Por outra banda, a Mancomunidade abordou na sesión de hoxe a posibilidade de avanzar en novas colaboracións no eido do emprego; analizáronse as propostas presentadas polas empresas interesadas en facer un estudo sobre a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres –o organismo conta cunha subvención de 3.800 euros para este fin concedida pola Deputación da Coruña-; e relatáronse os pasos dados para a posta en marcha do servizo mancomunado de recollida de animais.

14 de maio de 2013 | 10:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.