A mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol organiza a segunda edición da xornada sobre emprego e novas tecnoloxías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que preside o rexedor ferrolá Jose Manuel Rey Varela, informa que continúa aberto o prazo de inscrición para a segunda edición da Xornada sobre Emprego e Novas Tecnoloxías. O encontro, organizado polo organismo supramunicipal en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, terá lugar o vindeiro día 30 de maio na sede da Fundación Novacaixagalicia, situada na praza da Constitución, en horario de 9:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:00 horas.

Na xornada sobre as posibilidades e desafíos das novas tecnoloxías en relación co emprego serán analizadas as ferramentas e sistemas de traballo que poden contribuír ao aforro das empresas, tanto en termos económicos como medioambientais, e desta maneira favorecer o emprego e o emprendemento. Conceptos como teletraballo, coworking, software libre… vanse estendendo no mercado laboral e na xestión empresaria e precisamos coñecer tanto as súas vantaxes como os seus límites e desafíos. No encontro participarán o profesor de Dereito do traballo da Universidade da Coruña, Ricardo López Mosteiro; doutora en Psicoloxía social pola Universidade Autónoma de Barcelona e experta en teletraballo, Diana Bustos; o fundador de Coworking Spain, Manuel Zea; a fundadora de Coworking Gracia, María Ramos Sanz; o xerente da Asociación Galega de Empresas de Software Libre, Luis Alberto Fernández Marqués; e TAGEN ATA.

Inscrición

Os interesados poderán inscribirse de maneira gratuíta e consultar o contido da xornada na páxina web: www.xornadaemprego.com. Ademais, os participantes recibirán un certificado de asistencia.

21 de maio de 2013 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.