publicidade hoxe

“A lenda de Montelongo” represéntase mañá en Vilagarcía despois de 60 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Transcorridos 60 anos dende a súa última representación en Vilagarcía, a zarzuela “A Lenda de Montelongo” volve aos escenarios da cidade mañá, 1 de xuño. O Concello presenta o espectáculo como un dos actos centrais da conmemoración do Centenario da vila, xa que ademais de ser unha obra importante no xénero da zarzuela galega, “A Lenda de Monte longo” conta co atractivo e a relevancia se ser unha obra firmada por tres vilagarciáns. Bernardo del Río compuxo a música e o libreto é de Manuel Rey Posse e Juan Buhigas Olavarrieta. O reestreno da zarzuela vilagarciá terá lugar mañá, a partir das 22:00 horas no Auditorio e correrá da man de tres colectivos do municipio. O Coro Liceo Vilagarcía, a Banda Municipal de Música e a agrupación Malveiras.

As entradas para asistir á representación da “Lenda de Montelongo” véndense a 6, 5 e 4 euros. As persoas que non teñan adquirido a entrada anticipadamente poden facelo a partir das 19:00 horas de mañá na billeteira do Auditorio.

“A Lenda de Montelongo”, compúxose en 1924, ano no que tamén se estreou en Santiago de Compostela. A obra representouse a continuación con notable éxito en en Vilagarcía, Coruña, Ferrol e Vigo. Durante as seguintes décadas, esta obra costumista volveuse a ver en varias ocasións aínda que de xeito discontínuo, producíndose a última posta en escena no ano 1956. En Vilagarcía, representouse por última vez en 1953. O Concello promove a recuperación desta zarzuela galega como un dos actos centrais da conmemoración do Centenario e co obxectivo de que os vilagarciáns poidan redescubrir e gozar dunha obra que tivo un grande impacto no seu día.

A representación de mañá promete ser todo un espectáculo xa que as tres formacións que saen a escena non repararon en esforzos e puxeron toda a súa ilusión nunha obra que sabe a Vilagarcía e na que levan moitos meses traballando. A escenografía, os vestiarios e a interpretación prometen o espectáculo que se merece unha obra que demostra a fonda tradición e a gran calidade musical existente en Vilagarcía dende moito tempo atrás.

Para a recuperación desta zarzuela, o Concello contou coa colaboración de Javier Jurado, profesor de Historia da Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo e Máster en Investigación en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo que fixo a súa tese sobre “A lenda de Montelongo”.

Obra costumista con trasfondo social

“A Lenda de Montelongo” defínese como zarzuela galega, xa que está escrita integramente en galego e a acción ten lugar nun pobo de Galicia. Tratase dunha peza de corte costumista que describe a sociedade rural da época no contexto da redución foral. Con este fondo se desenvolve a historia principal, unha historia de amor entre dous mozos labregos, ela dunha familia propietaria do chan que traballa e el dunha familia pobre de campesiños sen terra. A obra conta con todos os elementos que caracterizan á zarzuela galega xa que,a demais do idioma, está chea de xiros, expresións e refráns galegos e recolle mostras do folclore e a cultura da zona, ao incluírse unha muiñeira e un alalá.

A acción desenvólvese co fondo sempre presente das ruínas do Castelo de Montelongo, unha transposición ao Monte Lobeira, que no libreto foi escenario doutra antiga historia de amor entre unha moura secuestrada polo rei que habitaba o castelo, e o mouro ao que amaba e que nunca puido liberala.

Partituras e edición literaria do libreto

Aparte de conmemorar o Centenario e dar a coñecer esta zarzuela aos vilagarciáns, o Concello pretende que a representación serva tamén para facer que “A Lenda de Montelongo” se volva a representar en Galicia. Por iso, con motivo do acto do sábado e mediante a colaboración de Concello e Deputación, editaranse as partituras e o libreto da obra para que as bandas de música e orquestras de toda a comunidade, así como corais e coros, teñan acceso a elas e poidan poñelas en escena.

Tamén se porá á venta o sábado unha edición literaria do libreto por 10 euros.

31 de maio de 2013 | 10:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.