A Laracha solicita a participación no programa de cooperación da Xunta para o fomento do emprego
O Concello da Laracha solicitará, un ano máis, a súa participación no programa de cooperación coas entidades locais para o fomento do emprego que convocou a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e que ten por finalidade facilitar a empregabilidade das persoas que se atopen en situación de demandantes de traballo, xa que posibilitaría contratar persoal durante un tempo determinado para realizar labores de interese xeral. Ese foi a punto máis destacado da última Xunta de Goberno Local ordinaria, que se celebrou este mediodía.
A proposta presentada polo Concello da Laracha á Xunta de Galicia é formar, por medio deste programa de axudas ao emprego, os equipos de vixilancia e socorrismo en praias durante a época estival (que actuarían no areal de Caión), o grupo de pronto auxilio (que atenderían emerxencias e servirían de apoio na atención cidadá en eventos multitudinarios), o servizo de promoción turística (para atender a oficina de información turística de Caión e o museo de Golmar) e o equipo de vixilancia e mantemento de espazos naturais (encargados da conservación de zonas verdes).
No caso de que a Consellería de Traballo e Benestar resolva favorablemente a inclusión da Laracha neste programa, o Concello presentaría unha oferta pública de emprego na oficina do INEM de Carballo, polo que soamente poderían formar parte do proceso de selección aquelas persoas que estean inscritas como demandantes de traballo, tal e como establecen as bases da convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado mércores día 8 de maio.
Licencias urbanísticas
Ademais, a Xunta de Goberno concedeu catro licencias de obras maiores, das cales tres foron para a construción de vivendas unifamiliares, e outras 20 licencias menores.











