publicidade hoxe

A Festa da Troita 2013 terá unha participación récord de 30 artesáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

A Festa da Troita contará este ano cunha participación récord de artesáns na Feira de Artesanía e os Oficios, que abrirá as súas portas mañá sábado ás 11:30 horas. Durante o sábado e o domingo, un total de 30 artesáns e artesás amosarán as súas habilidades aos visitantes que se acheguen ata o entorno da praza Isaac Díaz Pardo de Sigüeiro.

Así, en horario de 11:30 a 21:30 horas, estarán presentes artesáns da talla de madeira, da cantería, da pintura, do pirogravado, da cestería, do vidro, da xoiería, da fotografía minutera… que “estarán facendo as súas obras en vivo diante dos milleiros de persoas que nos visitarán aproveitando esta fin de semana de sol e bo tempo”, explica o coordinador da Festa da Troita, Antonio Leira Piñeiro. De feito, indica que “haberá algúns obradoiros prácticos nos que poderán participar os visitantes, como o de xoiería que se fará o domingo. Así conseguimos un dobre obxectivo: axudamos a recuperar estes oficios achegándollos a milleiros de persoas e aos artistas lles ofrecemos un escaparate excepcional para vender os seus produtos”.

A novidade deste ano, ademais do mencionado obradoiro de xoiería, será un torno medieval que elaborará distintas pezas para instrumentos musicais (gaitas, frautas, etc) e que competirá polo tradicional protagonismo que conseguen outros postos como o do ferreiro ou do canteiro.

Programación infantil

Paralelamente á Feira de Artesanía e Oficios, durante toda a xornada do sábado terá lugar o XVII Campionato de Pesca, cuxos premios serán entregados o domingo 12 de maio, ás 13:30 horas, despois do pregón do actor e humorista Federico Pérez. Ademais, o Concello de Oroso ten programado unha ampla oferta para os máis pequenos. Así, canda as atraccións de feira situadas na rúa Camiño Inglés, a praza de Isaac Díaz Pardo acollerá uns obradoiros da troita (de 11:30 a 13:00 horas) e a actuación de Roi o Cababolos (18:00 horas). Ambas actividades son de participación libre e de balde.

Esa tarde celebrarase tamén a segunda edición do Torneo de Pitch & Putt Festa da Troita, que contará coa participación dunha vintena de parellas. Unha competición que terá lugar nas instalacións de Tambre Golf en Porto Avieira (Oroso) e que cambia a súa hora de disputa, pois estaba inicialmente programado para a mañá e finalmente se xogará entre as 17:00 e as 19:30 horas. As vinte parellas farán o seu percorrido competindo todos contra todos pois, grazas á aplicación dos hándicaps, un xogador inexperto pode enfrontarse en igualdade de condicións cun xogador veterano. Haberá premios para o gañador absoluto e tamén para os mellor clasificado nos distintos hándicaps.

E a música servirá para pechar a xornada do sábado. Primeiro cun pasarrúas da asociación folclórica Lembranzas do Tambre (19:00 horas) e despois cunha das actividades máis aplaudidas de 2012: a exhibición de baile hip-hop e break dance na praza Isaac Díaz Pardo a partir das 19:30 horas. Unha exhibición que rematará coas actuacións de Lembranzas do Tambre e a asociación cultural Néboas no Cumio. O Festival Oroso en Vivo pechará a xornada do sábado a partir das 22:30 horas coa actuación da orquestra Marbella e do grupo Claxxon na alameda de Góis.

10 de maio de 2013 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.