A feira Semana Verde 2013 achegará aos visitantes a entroidos, romarías e outras mostras culturais galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+
Actuación dun grupo folclórico na edición anterior

Actuación dun grupo folclórico na edición anterior

A 36ª Semana Verde de Galicia ofrecerá do 13 ao 16 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia unha completa proposta comercial e de ocio. Dentro desta última incluiranse interesantes mostras culturais de distintos puntos da xeografía galega.

Os visitantes poderanse achegar, a través de representacións que se levarán a cabo a fin de semana, aos entroidos ancestrais de Viana do Bolo e Xinzo de Limia. Deste último, declarado “Festa de Interese Turístico Nacional”, poderase ver o sábado unha escenificación con máis de 30 persoas que percorrerá todo o recinto e que contará coas súas “Pantallas”, personaxes que portarán unha espectacular indumentaria e que se caracterizarán por vistosos movementos, batendo vexigas e facendo soar campaíñas. Estas figuras estarán acompañadas pola súa banda de gaitas, campioa da Liga Galega de Gaitas de 1ª división.

En canto ao de Viana do Bolo, será o domingo cando estea presente cunha exhibición formada por 40 persoas que tamén será itinerante pola feira e na que destacarán os “Boteiros”, ataviados con vistosas máscaras, un cinto con doce chocallos e un pau de cores denominado “Monca”. Xunto a eles o“Folión”, un grupo de xente con bombos, cornos, gadañas e outras ferramentas agrícolas.

Outra mostra dos antroidos galegos virá da man de representacións do “Alto dos Xenerais” de varias comarcas de Galicia, caracterizados polos rico vestiario dos “xenerais” e os seus enxeñosos diálogos entre “invasores” e “defensores”.

Durante a Semana Verde 2013 realizarase ademais unha escenificación da Romaría Vikinga de Catoira. De “Interese Turístico Internacional”, recrea o desembarco do Rei Ulf  nas terras do Ulla, a súa derrota e  a súa cristianización por parte do arcebispo Xelmírez. Na súa dramatización o desembarco viquingo é o espectáculo central, con naves e guerreiros que invaden as costas de Catoira.

Alfombras florais e carretillas

O programa do certame inclúe ademais durante o sábado e o domingo unha mostra das alfombras florais de Ponteareas, as cales decorarán o paseo central do recinto. Esta tradición con século e medio de antigüidade tenlle valido ao Corpus Christi ponteareano a calificación de Festa de Interese Turístico Internacional.

A esta mostra sumarase a Exposición Rali de Carretillas de Vila de Cruces, a cal destacará pola orixinal decoración das pezas que a conforman.

22 de maio de 2013 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.