A Feira da Saúde achega a tódolos ourensáns os programas e servizos que prestan o Concello e 33 asociacións e colexios da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, inaugurou esta mañá a décima edición da Feira da Saúde, que se desenvolve durante os días de hoxe e mañá na Alameda. A Concellería de Saúde do Concello de Ourense, coa colaboración de 33 asociacións sanitarias e colexios profesionais do ámbito da saúde que desenvolven o seu labor na cidade participan nesta actividade, coa que o Concello pretende poñer en valor o importantísimo labor que estas asociacións desenvolven a prol da saúde en Ourense. Tamén se pretende fomentar a interrelación e colaboración entre as diferentes asociacións ourensanas, proporcionándolle este punto de encontro entre elas e tamén cos veciños. Estará aberta ao público de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30 horas.

Rexistros sanitarios gratuítos

A Feira da Saúde, nesta décima edición, incrementa o número de participantes, xa que inclúe a un total de 33 colectivos, entre asociacións e a totalidade dos colexios profesionais do ámbito da saúde en Ourense.

Os visitantes da feira terán a posibilidade de realizar rexistros sanitarios gratuítos: rexistro de colesterol, glicosa, audiometrías, medicións oculares, valoración antropométrica, índice CO2, índice alcoholemia, tensión arterial, avaliación da condición física, asesoramento nutricional, rexistro de latexo do corazón, e tamén rexistros nas farmacias da cidade.

Conferencia e obradoiros

O programa complétase cunha conferencia, que se desenvolverá mañá, xoves, día 9 de maio ás 19:30 horas, sobre “A hipertensión, vostede é o experto”, a cargo de Carlos Menéndez Villalva, no Centro de Desenvolvemento de Novacaixagalicia, na Avenida de Pontevedra, 9.

Tamén haberá obradoiros de Taichi na rúa para todos; ás 11:30 e ás 18:00 horas, obradoiro sobre “O sal invisible”, con degustacións, charlas, cociña sen gluten, exposicións, xogos, adopción de mascotas da canceira, campaña “O microchip é necesario e obrigatorio”, e sesións de música en vivo, a cargo de Jambo Quartet

Identificación de mascotas

O Concello, o Colexio Oficial de Veterinarios e as clínicas da cidade presentarán unha campaña de sensibilización sobre a importancia da identificación de mascotas, coa que se facilitará aos interesados a posibilidade de poñer o microchip identificativo as súas mascotas por un prezo máis barato ao habitual.

A identificación con microchip regulamentario é obrigatoria, unha esixencia legal con responsabilidade do dono do animal. Facilitan a identificación do animal en caso de perda ou roubo, e contribúen a evitar o abandono, e a non saturar a canceira municipal. Así, nun dos stands da feira repartiranse descontos de 5 euros para a implantación de microchips dos animais.

8 de maio de 2013 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.