A Eurocidade leva maxia aos menores de Chaves e Verín na conmemoración do Día Mundial da Infancia
Os municipios de Chaves e Verín programan, para os días 30 e 31 de maio, a conmemoración do Día Mundial da Infancia, con iniciativas organizadas, como en anos anteriores, no ámbito do proxecto da Eurocidade Chaves-Verín, que este ano pretende levar a maxia aos/ás menores a través da realización dun Festival Infantil de Maxia; destinado a promover o intercambio educativo e social entre as poboacións, unha ocupación saudable do tempo de lecer e unha forma de celebrar esta xornada.
En Chaves, a Eurocidade realizará espectáculos de maxia para todos os/as nenos/as de ensinanza preescolar e 1º ciclo da rede pública e privada, co apoio e colaboración dos agrupamentos escolares. Así, as actividades terán lugar os días 30 e 31 de maio, nos tres agrupamentos e no auditorio do Centro Cultural. No día 30, durante a mañá, as actividades serán no Centro Escolar de Santa Cruz/Trindade para os/as alumnos/as do agrupamento Dr. Júlio Martins, e de tarde, na escola EB 2,3 de Vidago para os/as alumnos/as do agrupamento Fernão de Magalhães. Xa o día 31 de mañá, no auditorio recibirán aos/ás menores da rede privada e durante a tarde está será para a Escola EB 2,3 Dr. Francisco Gonçalves Carneiro, para os/as alumnos/as do agrupamento Dr. António Granjo. Simultaneamente terán lugar outras iniciativas programadas por cada agrupamento escolar.
En Verín, a conmemoración será o 31 de maio, a partir das 18 horas, coincidindo coa xornada de clausura das Escolas Deportivas do Concello de Verín. Na mesma participará o Mago Teto, que cos seus trucos de maxia atrapará a ilusión de todos/as os/as nenos/as presentes no Pavillón Municipal de Deportes. Durante esta xornada lúdica, tamén terá lugar a exhibición dos/as alumnos/as das Escolas Deportivas verinenses (conformada polas de fútbol, natación e escolas deportivas municipais, e nas que participaron ao longo deste curso escolar máis dun millar de menores), nas disciplinas de fútbol-sala, pequexogos, baile latino, psicomotricidade, aeróbic, xogo-deporte, danza oriental e acrosport. Con esta xornada de clausura amósase a pais e nais as iniciativas deportivas realizadas pola concellería de Deportes de Verín e os progresos nas mesmas dos seus/súas fillos/as. Estas iniciativas, incluidas neste ano na sétima edición das Xornadas de Deporte e Saúde, están destinadas a desenvolver políticas activas para mellorar a calidade de vida dos nenos e nenas, promovendo a saúde a través dunha alimentación saudable e a práctica de actividade física regular.
A Eurocidade Chaves – Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).