publicidade hoxe

A estrea absoluta da obra para gaita “Encrucillada”, banda sonora do concerto das Letras en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Conservatorio profesional de Música de Vilagarcía súmase este ano aos actos conmemorativos das letras Galegas organizando un concerto no que se fundirán a música e a poesía galegas. O espectáculo conta coa colaboración do Liceo-Casino a través da XVI mesa das Verbas e contará co aliciente especial de incluír a estrea absoluta da obra para gaita “Encrucillada”, composta polo profesor do centro, Cristian Silva. O concerto celébrase mañá martes, 14 de maio, ás 20:00 horas no Auditorio. A entrada é libre e de balde.

Esta é a primeira vez que o Conservatorio organiza un concerto especial con motivo do día das Letras. Para unha ocasión tan especial, o equipo directivo e docente do centro quixo deseñar un programa tamén moi especial, que so incluíse música galega. Para elo, mergulláronse durante días nos arquivos do Museo de Pontevedra a efectos de seleccionar as partituras das composicións que mellor se adaptaban ao proxecto vilagarcián. Por outra banda, e tendo en conta a escaseza de composicións e partituras que existen para obras de gaita, o profesor Cristián Silva decidiu compoñer unha obra para o instrumento característico galego.

O concerto dividirase en tres partes ben diferenciadas. Na primeira, dedicada á música de cámara, profesores e alumnos do conservatorio interpretarán varias pezas de compositores galegos seguindo as partituras obtidas nas investigacións no Museo provincial e tamén se interpretará aquí a peza “Noites de lúa na praia”.

A segunda parte do concerto centrarase nas letras propiamente ditas por iso. Os integrantes e colaboradores na Mesa das Verbas subirán ao escenario do Auditorio para recitar ou declamar versos en galego. Poesías de autores consagrados, clásicos e contemporáneos e mesmos composicións propias dos propios lectores terán o seu espazo nesta parte da actividade, no que se reservará un espazo especial á obra de Roberto Vidal Bolaño, o autor homenaxeado este 17 de maio.

A terceira e última parte do Concerto do Día das Letras Galegas comezará cos estrea absoluta de “Encrucillada”, unha obra para 4 gaitas na que Cristian Silva diferencia dúas partes. A primeira, bastante melódica e baseada nos alalás tradicionais galegos, e a segunda, con ritmos máis contemporáneos cos que o profesor vilagarcián quere salientar a versatilidade e o potencial da gaita.

13 de maio de 2013 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.