O Concello da Estrada prevé acoller entre 8.000 e 10.000 persoas na 40ª Festa do Salmón
O Concello da Estrada prevé acoller entre 8.000 e 10.000 persoas mañá domingo nas actividades da cadraséxima edición da Festa do
Salmón. Deste xeito, daríase un pequeno impulso á asistencia con respecto a edicións anteriores e poñeríase o primeiro chanzo para incrementar a repercusión desta cita gastronómica de cara ao futuro.
O alcalde estradense, José López, anima aos estradenses e tamén aos veciños dos demais concellos de Galicia a que se acheguen ata a vila para probar as 35 especialidades de salmón que se ofrecerán na degustación popular. O rexedor local agarda que “o tempo acompañe” para pechar con éxito estas semanas de actividades.
Ademais, indicou que o obxectivo do goberno local céntrase en seguir prestixiando a festa e estender as semanas de actividades para desestacionalizar o consumo do salmón. “A gastronomía é unha alternativa interesante para o lecer no actual contexto de crise, polo que cremos que debemos potenciar esta festa e todo o que a rodea para manter e incluso facer medrar as deceas de postos de traballo que hai na hostalaría local, así como favorecer a xeración de riqueza e o impulso da nosa economía”, subliñou, antes de lembrar a ampla oferta dos restaurantes locais que preparan o salmón, con preto de 2.000 prazas diarias e deceas de especialidades.
O rexedor cre que o Concello da Estrada conta cunha importante potencialidade nas áreas do turismo e do lecer grazas a esta festa e o seu vencellamento ao río Ulla, a Rapa das Bestas de Sabucedo e o Entroido dos Xenerais do Ulla. “A estes tres eixos debemos engadir os valores arquitectónicos, como o Pazo de Oca e moitos outros, e os naturais e paisaxísticos para artellar unha estratexia que permita que o municipio
obteña rendemento e se poida mellorar a calidade de vida dos estradenses”, destacou.
Programa de actividades (domingo 19 de maio)
• Feira de Artesanía (Alameda Municipal)
• 10.00 horas | XVII Ruta de Salmón en BTT (Estadio da Baiuca)
• 11.00 horas | Concentración de Harley Davidson (rúa Calvo Sotelo)
• 12.00 horas | Lectura do pregón a cargo do médico Ramiro Varela Cives no Teatro Principal
• 12.30 horas | Imposición dos Salmóns de Ouro ao pregoeiro, o pianista Javier Otero Neira e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez
• 13.00 horas | Degustación popular na Praza da Constitución
• 13.00 horas | Photocall do Salmón (Alameda Municipal)











