A Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra recibe 5.000 euros da Deputación
A deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, achegouse esta tarde ata as instalacións da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra situada na avenida das Corbaceiras.
Nesta visita a responsable entregoulle ó club a resolución pola cal a entidade provincial lle concedeu unha axuda de 5.000 euros. Esta achega económica procede da liña de axudas deportivas que a institución provincial dispensa pola participación en ligas e competicións oficiais.
Ana Vázquez manifestou a súa satisfacción pola actividade que desenvolve este club. Hoxe tivo a ocasión de ver como adestran os nenos que se están a formar na escola de piragüismo.
O Club de Piragüismo Cidade de Pontevedra foi fundado en 1989. Actualmente conta con máis de 120 palistas de distintas idades que desenvolven a súa actividade deportiva nas categorías de benxamíns, alevíns, infantís, cadetes, xuvenís, senior e veteranos.











