A Escola de Nais e Pais de Tomiño pecha unha nova tempada coa participación de 64 familias en diferentes obradoiros e actividades

Un dos obradoiros realizados
A Escola Municipal de Nais e Pais de Tomiño vén de clausurar unha nova tempada de traballo, na que participaron 64 familias de Tomiño e arredores. A sesión de clausura tivo lugar o pasado sábado nas instalacións do colexio público Pedro Caselles de Tomiño, coincidindo coa última sesión do obradoiro de cociña saudable.
A escola de nais e pais, dependente do Servizo de Educación Familiar do Concello, leva varios anos en funcionamento co fin de axudar ás familias a tratar as problemáticas que xorden na crianza dos fillos e fillas nas diferentes etapas da infancia e adolescencia.
O concelleiro de Benestar Social, Xesús Montero Vilar, explicou que a escola municipal, totalmente gratuíta, “segue apostando pola práctica a través de obradoiros, que propicien hábitos saudables e comportamentos axustados, así coma estratexias para achegarse á lectura como fonte de pracer, no eido familiar”.
Os obradoiros desta última tempada foron os de “Cociña saudable para familias”, impartido nas instalacións do colexio Pedro Caselles, con grande éxito de participación. A finalidade deste taller foi a de aprender a cociñar e comer de forma sa, divertida e en familia”.
Outro obradoiro foi o titulado “Cóntame un conto”, celebrado co obxectivo de aprender estratexias divertidas para achegar ás crianzas ao mundo da lectura.
Tamén contou con boa aceptación o taller “Se queres, podes facelo; unha actividade de intervención psicoeducativa para familias con menores en idade infantil”. A finalidade deste taller foio de crear un espazo para tratar as inquedanzas que xorden nas primeiras etapas educativas.
O cuarto obradoiro desta tempada estivo dirixido a familias con fillos e fillas adolescentes. Baixo o lema “Entón que, axudámonos”, impartíronse varias sesións co propósito de dar resposta aos problemas que xorden neste etapa evolutiva.