A Escola de Música despide a vindeira semana a Xián e Antía cos últimos concertos didácticos do ano
A xira de concertos didácticos que está a realizar a Escola Municipal de Música nos centros de Primaria da localidade entra esta semana na súa etapa final co bo sabor de boca deixado nos colexios polos que xa pasou a historia protagonizada por Xián e Antía. O conto musicado creado polo equipo docente do centro Bernardo del Río contou cunha excelente acollida por parte de alumnado e profesores que gozaron da música e da animación do divertido espectáculo que chega ao seu fin o mércores cunha sesión no CEIP da Escardia.
O equipo de docentes da Escola Municipal estreou este ano un novo conto musicado para os concertos didácticos. Titúlase “Un día con Xián e Antía” e relata a historia e as relacións cotiáns dos protagonistas, ambos alumnos do centro Bernardo del Río. Xián é un neno de 8 anos que estuda clarinete na Escola Municipal de Música. No cole está en 3º curso de Primaria, e a súa mellor amiga chámase Antía, una nena tamén de 8 anos. Son veciños, van xuntos ao cole e ás actividades que teñen que facer pola tarde. Antía tamén estuda música na Escola Municipal, ela toca a trompeta, e xuntos teñen feitos moitos concertos nas súas casas. A Xián gústalle moito o fútbol, igual que a Antía, pero o neno é siaeiro do Real Madrid e a nena do Barcelona, pero a pesar desa diferenza, son os mellores amigos do mundo.
Todas estas historias son contadas, musicadas e interpretadas polos profesores da Escola que aproveitan temas musicais moi coñecidos polos cativos, como os himnos dos equipos de fútbol, as sintonías de debuxos animados como Bob Esponja ou Caillou, e mesmo algunha que outra canción dos Pallasos da tele, para incentivar a participación dos alumnos que cantan, bailan, animan e rin durante todo o espectáculo.
Os concertos didácticos son unha actividade que a Escola Municipal de Música puxo en marcha xa hai uns anos e que conta cunha grande aceptación por parte dos alumnos que asisten ás actuacións. Con este proxecto, o centro Bernardo del Río pretende fomentar a cultura da música entre todos os escolares, potenciando tanto o seu papel de espectadores como de músicos potenciais. O esquema que seguen os concertos didácticos é o de elaborar un conto musicado mediante o cal, seguindo un fío condutor, os nenos e nenas coñecen os diferentes instrumentos musicais e os grupos aos que pertencen e aprenden de xeito divertido a diferenciar os seus sons.











