publicidade hoxe

A escola de Lusquiños volve proxectar o documental Terra de Pastequeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

Debido ao éxito da proxección do documental Terra de Pastequeiros, a Concellaría de Patrimonio volve a proxectar o sábado pola tarde, a partir das 20.30 horas no antigo preescolar de Lusquiños (Tomeza) este documental de Ana Lois.

A iniciativa está relacionada co desenvolvemento do Plan do patrimonio rural, que contempla unha liña de actuación relativa ao estudo e
difusión do patrimonio inmaterial, nomeadamente o referido a crenzas, mitos, lendas e saberes tradicionais.

No concello de Pontevedra existe unha enorme riqueza de tradicións e saberes curativos que forman parte da “medicina popular galega”; estas
prácticas son especialmente ricas na zona de Tomeza, nas que pervive a tradición dos pastequeiros. O pastequeiros son curandeiros coñecidos con este nome porque utilizan a fórmula latina PAX TECUM (a paz contigo).

Terra de Pastequeiros é un traballo documental de Ana Lois sobre as tradicións máxico-relixiosas do val de Tomeza. Pretende recoller tódolos
rituais de sanación que seguen utilizándose na zona e tamén aqueles que se abandonaron hai tempo pero que aínda se conservan na memoria dos máis maiores.

O documental recolle as tradicións máxicas vencelladas ao San Cibrán, como curaban os pastequeiros, a verdadeira historia do Manso (o pastequeiro máis famoso dos que houbo en Tomeza), como se usan os licornios nesta parroquia e outros moitos remedios para enfermidades como o codo ou o mal de ollo.

Esta presentación pretende achegarlles aos veciños de Tomeza un traballo que seguirá desenvolvéndose ata ter unha recopilación exhaustiva de tódolos remedios da chamada medicina popular.

Terra de Pastequeiros está financiado polo Concello de Pontevedra e forma parte dun proxecto máis amplo que se desenvolve en toda Galicia e
que se difunde a través da web na páxina www.palabrassecretas.com.

22 de maio de 2013 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.