A Deputación financia con 24.000 euros a adquisición dun vehículo para a Policía Local de Muros
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou hoxe un convenio de colaboración coa alcaldesa de Muros, Caridad González Cerviño, para financiar a adquisición dun vehículo para a Policía Local desta localidade.
A axuda provincial aprobada no convenio é de 24.000 euros, o que supón o 73% dun orzamento total para levar a cabo o proxecto que ascende a 32.934 euros.
A Policía Local de Muros conta na actualidade con dous vehículos e unha moto, pero, tal e como explicou a rexedora do concello, “son coches moi antigos e un deles ten unha avaría complicada de arranxar”.
Por este motivo, a alcaldesa de Muros agradeceu a axuda brindada pola Deputación da Coruña para a compra dun vehículo que servirá para “facilitar o labor desenvolvido pola Policía Local”.