A Deputación aproba un plan de renovación con clara vocación de servizo aos concellos
O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta mañá a aplicación do Plan Estratéxico 2013-2015, un proxecto realizado desde a vontade da renovación e a actualización aos tempos actuais e cunha clara vocación de servizo aos concellos e que inclúe varios acordos diferentes: un para elaborar un plan de obxectivos, outro para iniciar o proceso de estruturación; e un último do plan de emprego. Ademais, segundo explica este plan, o obxectivo final pasa por acercar a administración provincial aos veciños.
Segundo explicou Diego Calvo, a redacción e posta en marcha deste plan estratéxico “era unha necesidade fundamental” nun escenario con novas e crecentes realidades sociais. “A Deputación debe renovar e actualizar o seu modelo de xestión e cultura organizativa, e para iso se debe dotar de flexibilidade a todos os seus servizos e avanzar de cara a políticas máis áxiles e máis eficaces para satisfacer as necesidades locais diarias dos concellos”.
Con esta filosofía elaborarase un plan de renovación da Deputación “con visión e vontade política construtiva, aberta e participativa” nun documento que ten en conta varios elementos como son a razón de ser da organización, a posición que quere ocupar nun futuro, os valores que definirán o modo de traballar, os obxectivos de cara aos próximos anos, as liñas de actuación ou as actuacións concretas e os plans de actuación a poñer en marcha.
“Trataremos de pasar de ser unha administración asistencial para converternos, co uso racional dos nosos recursos, nun instrumento áxil e eficaz ao servizo dos concellos”, apunta o documento aprobado esta mañá, que sinala tamén o seu baseamento en consideracións “realistas” e a máxima de que “a Deputación non renuncia, nin renunciará, a desenrolar políticas e estratexias de apoio aos municipios e ao reequilibrio territorial, porque esa é a razón desta institución”.
Apoio unánime ao Plan de Planificación Estratéxica
Desde o momento inicial deste proceso, o grupo de goberno está a contar coa participación do 100% da representación sindical da entidade e, desde que se iniciaron os contactos, a finais do ano 2011, todos os acordos parciais foron dialogados cos representantes dos traballadores.
A nova reestruturación orgánica supón a creación de sete áreas organizativas: Secretaría Xeral; Intervención Xeral e Xestión Económica-Financeira; Tesourería e Xestión de Tributos; Acción Territorial; Desenrolo Económico, Turismo e Medio Ambiente; Servizos Provinciais; e Persoal e Organización. Delas, catro xa están dirixidas por funcionarios da Deputación e as outras tres cubriranse, como se fixo sempre na Deputación da Coruña, por libre designación de funcionarios do grupo A1.
Segundo se explicou no pleno, esta reestruturación farase mediante modificacións do persoal, da relación de postos de traballo e do organigrama, en base a amortizacións de postos e prazas existentes, o que suporá unha redución do custo total do persoal e a redución do número de efectivos.
Amortización de débeda
Durante o encontro plenario tamén someteuse á aprobación da corporación un novo expediente modificativo de crédito que dedica 300.000 euros a amortización de débeda.
Deste xeito, continúa a tendencia iniciada pola Deputación nos últimos dous anos para conseguir reducir o endebedamento. A previsión dos grupo de goberno é pechar este ano con 42,7 millóns de euros de débeda, menos da metade do que acumulaba a institución provincial entón. En termos relativos, o ano 2013 arroxará un endebedamento do 28% do orzamento, moi lonxe do 110% que, nas circunstancias económicas actuais, permite o Estado.
Comunidade intermunicipal Lambre-Mandeo
Outro punto aprobado pola corporación provincial foi o relativo á creación da Comunidade Intermunicipal de Lambre-Mandeo de Prestación de Servizos Públicos Consorciados, así como a designación dos representantes dos concellos que forman esta entidade e os da Deputación.
Esta aprobación ten lugar despois de que os plenos dos concellos de Aranga, Irixio, Monfero e Vilarmaior aceptaran a súa adhesión ao convenio marco redactado pola Deputación para fomentar a cooperación e colaboración entre concellos. Estas comunidades son entidades sen personalidade xurídica e sen cargos remunerados, xa que se forman coa única intención de propiciar un escenario idóneo para a prestación conxunta de servizos municipais.
Os representantes nesta nova comunidade, a terceira que nace ao amparo da Deputación da Coruña despois de Xallas-Barcala-Dubra e Costa Bergantiñá, serán:
Polo Concello de Aranga, Alberto Platas Álvarez, alcalde, e José Antonio Yáñez Abad, concelleiro
Polo Concello de Monfero, Benjamín Modesto Rodríguez Abad, alcalde, e María José Ramos Ramos, concelleira
Polo Concello de Irixoa, Antonio Deibe Sanmartín, alcalde, e José Ángel Roca Díaz, teniente de alcalde.
Polo concello de Vilarmaior: Carlos Vázquez Quintián, alcalde, e Dionisio Rico Martínez, concelleiro.
Pola Deputación, Manuel Taboada Vigo e Carlos Enrique López Crespo.
Grupos de Emerxencias Supramunicipais
Do mesmo xeito, o pleno ratificou a firma do convenio entre a Deputación da Coruña, a Xunta e a Fegamp apra a creación dos novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais.
Na provincia da Coruña funcionarán durante os próximos tres anos un total de sete grupos que completarán a redefinición do mapa de emerxencias galego, cubrindo a totalidade do territorio nunha distribución máis racional de recursos.
O custe total para este período de traballo será de máis de 18 millóns de euros para toda a comunidade galega, nos que a Xunta asumirá o 60 % do gasto, as catro Deputacións un 20 %, e os concellos o 20 % restante.
As sete sedes dos GES coruñeses estarán en Ortigueira, Ponteceso, Muros, Mugardos, Curtis, Padrón e Brión. A rede de seguridade galega complementarase coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e co resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios, etc, todos eles coordinados dende o 112.
Colaboración co Concello da Coruña
Finalmente, o pleno autorizou a transferencia da titularidade da estrada DP.3007 de A Grela a A Moura ao Concello da Coruña, administración coa que deberá formalizar as actas de entrega e recepción para, posteriormente, dar de baixa esta vía no inventario de bens da Deputación.
Dentro do capítulo de convenios, autorizouse a sinatura dun convenio para a colaboración da Deputación no programa de actividades culturais organizado desde o Concello da Coruña. Así, a institución provincial achegará un total de 240.000 euros (o 80% do orzamento total previsto polo concello coruñés) para colaborar, entre outras actividades, na IV edición da Mostra de Cine Periférico; a XVI edición de Viñetas desde o Atlántico; o programa de exposicións anual; a Coruña Literaria; Casas Museo e Patrimonio; e outros eventos culturais.
Auditorio de Galicia
A mesma achega de 240.000 euros fará a Deputación ao programa de actividades do Auditorio de Galicia, que prevé poñer en marcha este ano diversos concertos da Real Filharmonía de Galicia e da Orquesta Sinfónica de Galicia; o Ciclo de Piano Ángel Brage; o Ciclo de Lied cun programa especial dedicado ao centenario de Benjamin Britten e a canción inglesa; ou os programas de Todo Lírica, Compostela Rock, Íntimo&Acústico; Son’13 e Blues Nite.
Unha vez rematada a orde do día, o presidente autorizou a un portavoz dos afectados pola venta de preferentes a dar lectura a unha declaración solicitando o apoio institucional ás súas demandas.