A Coruña destinará máis dun millón de euros a viveiros de empresas e programas de formación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do protocolo

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá un protocolo para a creación de viveiros de empresas entre o Concello, a Fundación EMALCSA, a Cámara de Comercio da Coruña e a Fundación INCYDE (Instituto Cameral para a creación e desenvolvemento da empresa); ademais de convenio de colaboración para a realización de programas de formación. No acto estiveron o presidente da Cámara de Comercio, Marcelo Castro-Rial e o director xeral da Fundación INCYDE, Javier Collado.

“Agradezo esta colaboración tanto da Cámara de Comercio como da Fundación INCYDE que supón novas achegas para a cidade, máis dun millón de euros, e novas oportunidades”, subliñou o alcalde e continuou: “O obxectivo é consolidar o emprego a través dunha serie de programas de formación e xornadas que permitirán detectar as fortalezas e as novas oportunidades para as pequenas e medianas empresas da cidade e, por outra parte, falar de novo emprego”.

Carlos Negreira destacou que é a primeira vez que o Concello da Coruña asina un convenio con INCYDE: “É o socio ideal e unha alianza clave para a cidade porque lidera a rede europea de viveiros de empresas, son expertos neste campo e poderán facilitarnos un asesoramento especial”, asegurou e engadiu que o Goberno local seguirá traballando pola creación de novo emprego e para que os mozos coruñeses teñan oportunidades.

PROTOCOLO PARA A CREACIÓN DE VIVEIROS

O alcalde anunciou que o Concello asinou un protocolo de colaboración tanto coa Cámara de Comercio como coa Fundación INCYDE para a creación de viveiros de empresas na cidade: “Supoñerá unha inxección de 700.000 euros, dos que o 80% serán fondos FEDER”, afirmou e avanzou que o proxecto estará concluído antes do fin de 2014 e que se situará no centro da cidade. Con esta iniciativa preténdese apoiar e impulsar o emprego xuvenil e a creación de novas empresas. En tempos difíciles, o Goberno local aposta por poñer a disposición de emprendedores e empresarios todas as ferramentas posibles que permitan reactivar a economía.

Pola súa banda Javier Collado, director xeral de INCYDE, unha Fundación que conta en España cunha rede de 96 viveiros, explicou que hai unha alta demanda deste tipo de servizos e que están a ter unha ocupación próxima ao 90%. Detallou que no caso da Coruña, o obxectivo é acoller 30 pequenas e medianas empresas que poidan ir rotando.

CONVENIO DE COLABORACIÓN

Tal e como explicou Negreira, o convenio asinado permitirá a realización de sete programas de formación e tres xornadas de reforzo, verificación e impulso e contará cun presuposto total de 345.000 euros. O convenio estará en vigor ata decembro de 2014 e inclúe sete programas de formación nos que se investirán 315.000 euros financiados ao 80% polo Programa Operativo de Adaptabilidade e Emprego do Fondo Social Europeo (o 20% restante achegarao EMALCSA). Trátase de 2 programas de apoio ao comercio, 2 de creación e consolidación de empresas e autoemprego, 2 de internacionalización e 1 de xestión da empresa familiar e sucesión.

Ademais, o convenio considera a realización de tres xornadas de reforzo, verificación e impulso das empresas participantes nas que se ofrecerán talleres, consultorías e networking activo para complementar a formación. Estas xornadas estarán financiadas pola Fundación INCYDE cun presuposto de 30.000 euros.

“Unhas 200 empresas, comercios e emprendedores poderanse beneficiar desta iniciativa que permitirán reforzar a posición, actividade e rendibilidade das empresas, á vez que facilitará a súa adaptación ás novas esixencias do mercado,” concluíu.

Con estes acordos o Goberno local ratifica a súa aposta polo emprego de calidade e apoia tanto a creación de novos postos de traballo e empresas, coma a consolidación do tecido empresarial existente.

8 de maio de 2013 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.