A Coruña aproba un proxecto de mellora da eficiencia enerxética que permitirá aforrar 282.000 euros
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, avanzou que na próxima Xunta de Goberno Local se aprobarán dous proxectos que se enmarcan na aposta do Concello polo aforro no consumo eléctrico e pola optimización dos recursos municipais. En concreto, autorizaranse as licitacións, mediante procedemento aberto, tanto a mellora da eficiencia enerxética na rede de iluminación pública da cidade, o que supoñerá unha rebaixa de 282.000 euros ao ano en facturas, como o contrato de subministración en baixa e media tensión.
O Goberno local dedica 1.646.102,97 euros ao programa para a revisión e adopción de medidas correctoras para a modernización, instalación de equipos e sistemas de telexestión nos centros de mando da rede de iluminación pública da cidade. Terá un prazo de execución de 6 meses. Na cidade, existen 571 cadros de mando, dos cales 199 non miden a electricidade que se consume, o que evidencia o descontrol e a falta de equipos e instrumentos tecnolóxicos axeitados. Grazas a este novo proxecto poderanse corrixir deficiencias e situacións irregulares existentes en cadros e circuítos, malia que anteriores gobernos eran conscientes dos problemas que había e non fixeron nada ao respecto.
“Hai dous anos, fixemos un diagnóstico que nos dió como resultado unha situación moi mala da iluminación pública da cidade polo que puxemos en marcha o deseño para a modernización da rede. Na actualidade existe unha importante porcentaxe de equipos que se encontran obsoletos. En concreto, prodúcense ao ano un total de 8.000 incidencias. A consecución deste obxectivo permitirá ademais aforrar case 300.000 euros anuais, emendando a falta de control no consumo eléctrico,” destacou o alcalde.
Negreira explicou que as obras consistirán na centralización a 31 grupos de cadros de iluminación pública, que en xeral non dispoñen de contador, nun único centro de mando de maiores dimensións e potencia co correspondente contador. O alcalde destacou que deste xeito se poderán controlar e telexestionar os cadros de mando e alcanzar dous obxectivos fundamentais: por un lado, rebaixar o gasto eléctrico, o que á súa vez supoñerá un aforro ás arcas de María Pita; e polo outro, optimizar os recursos municipais.
O proxecto de eficiencia enerxética que se leva á próxima Xunta de Goberno enmárcase precisamente dentro do Plan de Mellora de Iluminación Público, posto en marcha tras comprobar o deficiente estado no que se encontra a rede de luminarias da cidade.
En 2012, a área de Infraestructuras tamén investiu 530.000 euros en obras de reposición e renovación da rede de iluminación da cidade, o que permitirá aforrar preto de 100.000 euros ao ano ás arcas municipais. “Así, o Concello terá amortizado este investimento nun prazo máximo de cinco anos e medio”, destacou o alcalde.
Aos 1,6 millóns do programa de mellora da eficiencia enerxética, no presuposto de 2013 súmanse 1,1 millóns de euros para outros proxectos de investimento na iluminación pública municipal.
“En resumo, melloraremos a eficiencia, sufriremos menos avarías que poderemos xestionar a distancia, melloraranse as condicións de seguridade e, ademais, vaise xerar un aforro importante”, explicou.
CONSUMO ELÉCTRICO
O alcalde coruñés tamén informou de que, para continuar na aposta municipal pola eficiencia enerxética e o aforro do gasto na factura da luz ás arcas públicas, na Xunta de Goberno tamén se aprobará a contratación da subministración de enerxía eléctrica en baixa e media tensión do Concello. Para este servizo fíxase un presuposto de licitación de 6,3 millóns de euros para os 12 meses seguintes á súa adxudicación, aínda que prorrogable un exercicio máis, ata alcanzar os dous anos.
Negreira explicou que, con esta decisión, o Concello busca regularizar unha situación que os anteriores gobernos locais nunca se preocuparon de corrixir. Ata agora, existía un convenio para a subministración da rede eléctrica cunha empresa. “Este acordo supón que, por primeira vez, a cidade cumprirá coa lexislación vixente, que obriga a libre competencia á hora de contratar este servizo”, destacou.
Ao igual que no proxecto de eficiencia enerxética na rede de iluminación pública, o Goberno local optou por licitar este expediente mediante procedemento aberto para favorecer a igualdade de oportunidades entre empresas, rebaixar o prezo final da subministración e adxudicalo á compañía que mellor se axuste ás directrices marcadas polos técnicos municipais. Para alcanzar estes obxectivos, contratarase de xeito conxunto tanto a adquisición da enerxía como a prestación do servizo e o acceso a redes co distribuidor.
O novo contrato tamén responde á decisión do Concello de mellorar tanto a eficiencia no consumo eléctrico como rebaixar o gasto final na factura da luz; e súmase á lista de medidas impulsadas dentro do Plan de Mellora da Iluminación. O presuposto máximo de licitación é de 6,3 millóns de euros, se ben a administración aboará exclusivamente de acordo ás subministracións que, efectivamente, se vaian realizando.











