publicidade hoxe

A Coruña acolle o XXXI Congreso Nacional da Inspección Educativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Concellaría de Educación informa de que o próximo xoves e venres, días 30 e 31 de maio, A Coruña acollerá o XXXI Congreso Nacional da Inspección Educativa co tema central “La función directiva en los centros docentes”. Por primeira vez, este acto, que se celebrará no salón de actos do centro sociocultural Novacaixagalicia, será aberto e contará coa participación de directores e responsables dos colexios da cidade, así como de inspectores de toda España.

O programa contará con expertos de enorme experiencia no ámbito profesional do liderado e xestión de equipos docentes e abordará temas de grande actualidade. O xoves, 30 de maio, abrirá o congreso Manuel Blanco, psicólogo clínico e psicanalista, co relatorio “Educación, crisis de valores y autoridad auténtica”. A continuación, Santiago Vázquez Blanco, xefe de persoal de R, Cable e Telecomunicacións, falará sobre “El sentido del trabajo”. Finalizará a primeira xornada Pablo Castejón Ruiz, director de desenvolvemento profesional da Escola de Negocios Novacaixagalicia, con “Técnicas de comunicación y marketing”. Pola tarde, os asistentes ao congreso realizarán visitas guiadas ao monte de San Pedro e á Torre de Hércules para finalizar cunha recepción no salón de plenos do Concello, seguida dunha posterior visita ao Palacio Municipal.

O venres, 31 de maio, haberá catro relatorios. A primeira será sobre os modelos directivos de Francia e Reino Unido a cargo de Amparo Couceiro, directora dos Centros Españois no Exterior, e James Shallcross, director xeral dos Colexio St George.

O segundo relatorio é a organizada polo Concello sobre un tema de grande interese para as familias e docentes: “La seguridad y alerta escolar en los centros educativos”, a cargo de José Antonio Gay, xefe de área da Alta Inspección do Ministerio de Educación en Galicia; Anxo López-Silvarrey, especialista en pediatría e neumoalergólogo infantil, e Carlos García Touriñán, director de Seguridade Cidadá e Mobilidade do Concello da Coruña.

O terceiro relatorio será sobre a rendición de contas e a avaliación dos directores a cargo da Subdirección da Inspección Educativa da Comunidade de Madrid e as xornadas finalizarán co cuarto relatorio e cun dos temas máis actuais que se poden formular hoxe en día nun congreso educativo, como é a explicación da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (Lomce) a cargo do director xeral de Cooperación Territorial do Ministerio de Educación, Alfonso González Hermoso de Mendoza.

Este programa de conferencias e de formación aberto á comunidade educativa da cidade pechará unha semana intensa que empezou cos talleres preventivos do uso prexudicial de internet que o Concello organizou para as familias da cidade en colaboración coa Asociación de Axuda a Familias de Drogodependentes.

27 de maio de 2013 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.