publicidade hoxe

A Coruña acolle o III Open Internacional de Tenis en cadeira de rodas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes PortadaLocal
A-
A+
Presentación do evento deportivo

Presentación do open

O Concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, recibiu esta mañá a Escola de Tenis Marineda, organizadora do III Open Internacional Ciudad da Coruña, torneo co que colabora o Concello dentro da súa aposta pola promoción do deporte como ferramenta fundamental para a integración de persoas con problemas de mobilidade.

A competición, que arrancará este xoves, día 9, e se manterá ata o domingo día 12 de maio, converteuse nun referente a nivel nacional tanto pola organización do evento coma pola calidade dos competidores. De feito, nesta 3ª edición do torneo, reunirá na cidade a Selección Española da especialidade ao completo.

Ademais da competición, este evento contará con charlas, exhibicións e distintas actividades para favorecer a integración das persoas con algún tipo de minusvalidez e fomentar entre a sociedade valores como o compañeirismo, o traballo en equipo, a integración social ou o espírito de superación.

Así, se organizarán visitas de asociacións de persoas con minusvalidez, como a Asociación Prol Persoas con Minusvalidez Intelectual de Galicia (ASPRONAGA); a Asociación de Dano Cerebral Adquirido (ADACECO); a Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI); a Asociación de Parálise Cerebral (ASPACE); Down Coruña; Adultos Minusválidos da Coruña (ADCOR); entre outros colectivos, que recibirán clases de tenis adaptadas.

Ademais levaranse a cabo distintas charlas sobre bos hábitos do paciente con lesións medulares, experiencias persoais como a do triatleta de Ironman Rafael López ou presentacións como a do programa de tenis adaptado da Federación Galega de Tenis para 2013. Tamén se realizará un campionato de Boccia e unha exhibición de Slalom, disciplina de deporte adaptado na que os usuarios das asociacións e alumnos da Escola Marineda percorren en cadeira de rodas un circuíto de obstáculos nun tempo determinado.

6 de maio de 2013 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.