A corporación debate no pleno a creación de 41 novas prazas de Zona Azul en tres rúas do centro carballés

Evencio Ferrero, durante a rolda de prensa
A sesión plenaria ordinaria do mes de maio, que se celebra o luns 27 a partir das 20.30 horas, inclúe entre os dous únicos asuntos recollidos na orde do día a aprobación inicial da sexta fase de ampliación de aparcamento regulado con Zona Azul no centro carballés. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, este sistema ten amplamente probada a súa “eficiencia para a eliminación dos vehículos ‘ventosa'” no casco urbano, polo que “cada vez son máis os veciños e veciñas, especialmente do sector comercial, que solicitan a ampliación do número de prazas”. Nesta ocasión a medida supón a creación de 41 novos espazos de estacionamento regulado en tres rúas da vila: 15 deles estarían situados na rúa Compostela; outros 15 en toda a rúa Jacinto Amigo Lera, que adoita contar cun elevado número de vehículos ‘ventosa’ estacionados; e os 11 últimos estarán situados na marxe dereita da rúa Poñente en sentido Santiago Malpica, xa que así o teñen solicitado varios establecementos da zona, incluída unha escola infantil. A Zona Azul limita o aparcamento nestas prazas a 90 minutos, e impide, unha vez rematado este tempo, que o usuario poda estacionar de novo noutra praza de Zona Azul situada a menos de 250 metros do lugar de chegada. O casco urbano contará, con estas novas 41, con preto de 600 prazas de aparcamento de Zona Azul.











