A Concellería de Participación Cidadá de Ourense organiza a 2ª Andaina “Móvete pola Saúde”
A Concellería de Participación Cidadá do Concello de Ourense organiza a 2ª Andaina “Móvete pola Saúde”, que terá lugar mañá, sábado, día 11 de maio, pola mañá, aberta a tódolos veciños e veciñas que desexen participar. A actividade é totalmente gratuíta e non é necesario realizar inscrición previa.
Os participantes atoparanse antes das 9:30 horas nas canchas exteriores do Pavillón dos Remedios, de onde sairán con destino ás Termas de Outariz.
Esta actividade forma parte do programa “Móvete pola Saúde”, que desenvolve ao longo de todo o ano a Concellería de Partricipación Cidadá do Concello de Ourense.
Andaina das AA VV As Curuxeiras e Santa Mariña
A Concellería de Participación Cidadá colabora tamén coa Andaina que mañá, sábado, organizan as asociacións de veciños Santa Mariña do Monte e As Curuxeiras.
Sairá ás 11:00 horas dende a Praza das Curuxeiras e percorrerá a ruta: As Curuxeiras, Zaín, Santa Mariña, San Sillao, Pazos de San Clodio, A Medorra, Pazo de Monterrei (avituallamento), campo de golf, Picouto, cemiterio de Santa Mariña, Belmonte, As Curuxeiras, Cotoriño e Santa Mariña do Monte.
X Andaina Cidade de Ourense
Pasado mañá, domingo, día 12 de maio, terá lugar a X Andaina Cidade de Ourense, que propón unha ruta de 27 kilómetros por Ourense.
A actividade está organizada polo Consello Municipal de Deportes e o Concello de Ourense, co patrocinio das empresas Pérez Rumbao, Gadis, aquaBona, Coca-Cola, laCaixa e colaboración de Turini, Termas de Outariz, Bodegas Cunqueiro, Estrella Galicia e Pontevella Centro Comercial.
A Andaina terá saída (ás 9:00 horas) e chegada no Pavillón dos Remedios e o percorrido discorrerá polos montes da zona sur-sureste de Ourense, cunha distancia de 27 quilómetros, cunha elevación máxima de 404 metros.
Os puntos de avituallamento estarán en Seixalvo (km. 6), Cumial (km. 13) e Ceboliño (km. 20) e no remate da andaina (Pavillón dos Remedios, km.27).
A día de hoxe están inscritos máis de 300 participantes. O prazo de inscrición remata hoxe, a través da web www.deportesourense.com.











