publicidade hoxe

A Concellería de Medio Ambiente fomenta o consumo sostible, ecolóxico e responsable coa celebración de obradoiros e actividades na Semana do Medio Ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

Co eslogan “Pensa, aliméntate, aforra”, a Concellería de Medio Ambiente fomentará durante a semana que vén o consumo ecolóxico, sostible e responsable a través de obradoiros, actividades e xornadas abertas á participación dos cidadáns. A concelleira de Medio Ambiente, Susana Bayo, presentou a programación de actividades que se celebrarán na cidade entre o 3 e o 6 de xuño, no marco da Semana do Medio Ambiente.

Os actos incluirán obradoiros infantís no parque Barbaña, no Xardín do Posío, no parque Angelita Paradela, no parque Beiramiño e no parque de San Lázaro, así como teatro para todos os públicos na praza de San Martiño, e unha xornada de consumo sostible na rúa do Paseo ao longo do día 5 de xuño. Esta última xornada, que se prolongará entre as 11 e as 20 h., contará coa presencia de diversas asociacións medioambientais da cidade, así como productores ecolóxicos.

Fogares Verdes

A maiores dos contidos previstos na Semana do Medio Ambiente, a concelleira presentou o programa “Fogares Verdes”, que pretende concienciar aos cidadáns que con pequenos cambios de hábitos se acadará un cambio a nivel global. O programa, aberto á participación das familias, ensinará a xestionar os recursos colectivos e aforrar cartos sen diminuír a calidade de vida e o benestar da familia.

A Concellería pon a disposición dos fogares participantes recursos útiles para abordar con éxito o reto, e asesorará e realizará un seguimento das accións, para impulsar cambios de comportamento que supoñan un uso máis razoable e solidario destes recursos.

As persoas que desexen participar poden formalizar a súa inscrición na Concellería de Medio Ambiente ou na Oficina de Atención ao Cidadán do Concello.

1,3 billóns de toneladas de comida desperdiciados ao ano

O lema escollido para o Día do Medio Ambiente, “Pensa, aliméntate, aforra”, responde a un estudo da FAO (organización das Nacións Unidas para a Agricultura)

que conclúe que cada ano se desperdician 1,3 billóns de Toneladas de comida -a cantidade de producción alimentaria de África Subsahariana-. Ao mesmo tempo, unha de cada sete persoas pasan fame, e máis de 20.000 nenos menores de cinco anos morren de fame cada día.

A propia FAO estima que un tercio da producción alimentaria se perde, sendo altamente perxudicial para as fontes naturais de recursos, con consecuencias negativas no medio que nos rodea.

Por outra banda, un estudo da Confederación Española de Cooperativas de Consumidores e Usuarios conclúe que cada persoa tira ao lixo 32 kg de comida ao ano, o que supón, nunha cidade como Ourense unhas 3.500 toneladas de alimentos que rematan no lixo ao ano.

Programación completa de actividades:

LUNS 3 XUÑO

18:30 Obradoiro “Alimentartee” A Run Run. Parque Barbaña.

Empregando pinturas feitas polos nenos e nenas con productos naturais farán unha gran obra de arte, ademais crearán unha minihorta onde plantarán diferentes sementes e levarán para a casa unha maceta feita con material de refugallo.

18:30 Obradoiro “Refogar” Sustinea. Xardín do Posío

Obradoiro de reutilización, reducción, reciclaxe e recuperación de obxectos cotiás para convertilos en obxectos do fogar.

MARTES 4 XUÑO

18:30 Obradoiro “Refogar” Sustinea. Parque Angelita Paradela.

19:30 Teatro Que máis dá!. Compañía Bragunça. Praza San Martiño

Obra de teatro para tódolos públicos que pretende ser unha chamada a conciencia e unha invitación a reflexionar sobre o exceso de consumo. Propóñense diferentes situacións para que os espectadores acheguen as súa propostas de resolucións de problemas.

MÉRCORES 5 XUÑO

18:30. Obradoiro “Alimentartee” A Run Run. Parque Beiramiño

19:00. Ciencia divertida. Alameda.

Científicos ensinarán o que é o consumo responsable e como coidar o noso contorno a través de experimentos baseados na participación dos asistentes de maneira divertida

De 11:00 a 20:00. XORNADA DE CONSUMO SOSTIBLE. RÚA DO PASEO DIANTE BANCO DE ESPAÑA

Participarán: Amigos da terra, Syme, Sustinea,

Praza de Abastos

Grupos de consumo ecolóxico:

Semente de Ourense
Agrelar de Allariz
A Landra de Carballiño

Productores ecolóxicos :

A Sazón: Froitas e marmeladas ecolóxicas
Pilar e Eloi: Agricultores ecolóxicos da Limia.
Amoroce: Agricultores ecolóxicos de Verea.,
Facenda O Agro: Gandeiros de ecolóxico.
Mel Sergio Morgade.
Comeben: produtores de hortalizas de Allariz

Concello de Ourense co programa Fogares verdes

CIENCIA DIVERTIDA. DE 09:15 A 13:15. Participarán máis de 200 nenos dos colexios Padre Feijoo, Colexio Prácticas, Covadonga e Concepción Arenal

XOVES 6 XUÑO

18:30. Obradoiro “Refogar”. Sustinea. Parque Diego Glez Blanco. (Fronte colexio Divino Maestro).

19:30. Antía, Wanba e o regato pequeño. A tropa de trapo. Parque de San Lázaro.

Contacontos musical que trata de aspectos medioambientais empregando instrumentos realizados con material de refugallo

30 de maio de 2013 | 15:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.