A Concellería de Educación ofrece clases de apoio educativo para alumnos de 3º e 4º da ESO
Os alumnos de Vilagarcía que estean cursando 3º ou 4º curso da ESO e que teñan dificultade nos seus estudios poderán beneficiarse nas clases de apoio educativo que ofrece a Concellería de Educación co obxectivo de axudarlles a superar os exames de xuño. O departamento que dirixe Rocío Llovo pon en marcha unha nova edición desta iniciativa coa que se pretende combater o fracaso escolar e reducir os índices de abandono escolar. As clases comezarán o 3 de xuño e a asistencia é gratuíta. Os interesados xa poden inscribirse no Concello.
A Concellería de Educación xa contactou cos institutos do municipio e cos centros de educación concertada nos que se imparte o último ciclo da ESO para que informen ao alumnado ao que lle poden interesar estas clases de reforzo. Aínda que nesta primeira parte as clases centraranse en preparar os exames de xuño, os alumnos que non os superen poderán continuar asistindo a elas durante o verán para preparar as probas de setembro.
As clases para a convocatoria de xuño comezan o día 3 de xuño e desenvolveranse nas aulas do Centro de Formación Permanente de Matosinhos, de luns a venres e en horario de 16:30 a 20:30. As clases de reforzo póñense pola tarde para que os alumnos poidan compatibilizalas coa asistencia ao instituto. Esta fase rematará o 21 de xuño.
A preparación dos exames de setembro comezará de inmediato, o día 24 de xuño, e rematarán o 11 de setembro. Neste caso, ao ter rematado xa o curso, as clases de apoio impartiranse pola mañá, de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas.
O programa deseñado polo departamento de Educación do Concello inclúe unha terceira fase, dirixida tanto aos alumnos que aprobado 3º da ESO pasen a 4º, como para aqueles que repitan calquera deles. Todos eles poderán asistir aos cursos de técnicas de estudo que se impartirán do 12 ao 30 de setembro, de luns a venres e de 16:30 a 20:30 horas. Esta última fase pode ser de gran utilidade para os alumnos de cara ao curso que van a iniciar, xa que nela poderán aprender a estudar dun xeito máis eficaz, a sacarlle mellor rendemento ao tempo que inverten estudando e, polo tanto, a obter mellores resultados.
Combater o fracaso escolar e mellorar a empregabilidade
O Concello financia este plan de apoio educativo coa subvención concedida pola Xunta de Galicia a través da liña de axudas que ofrece aos concellos para a posta en marchas de programas dirixidos á redución do abandono escolar. Estas subvencións convócanse exclusivamente para iniciativas destinadas a alumnos dos dous últimos cursos da ESO, a afectos de facilitar que o alumnado conclúa o ciclo e obteña o graduado de Secundaria. Ademais de combater o fracaso e abandono escolar, a medida tamén está pensada como medio de mellora da empregabilidade da mocidade, posto que dispor do título da ESO é un requisito que teñen en conta moitas empresas á hora de seleccionar persoal.











