A Concellería de Deportes de Ferrol colabora na “Xira Karting” por sétimo ano consecutivo

Presentación da “Xira Karting”
A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe da sétima edición da Xira Karting que terá lugar do venres 31 de maio ao domingo 2 de xuño no recinto feiral de Punta Arnela (FIMO). No acto de presentación tamén estiveron presentes a directora de Karting Galicia, Raquel González; o representante de Gadis, Antonio Cortés ;e o delegado territorial de Begano Coca-Cola, empresas que xunto con Estrella Galicia 0,0 patrocinan este evento. Unha proba que é posible grazas á colaboración de institucións públicas como o propio Concello de Ferrol, a Deputación Provincial da Coruña e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
Na súa intervención, a edil de Deportes sinalou que a Xira Karting é unha iniciativa que “pretende acercar o deporte do automobilismo a todo o público e á vez servir de instrumento de educación viaria tanto para os nosos mozos como para aquelas persoas que xa non o son tanto”. Neste sentido, Susana Martínez apuntou que grazas á achega municipal, 500 escolares ferroláns poderán gozar o venres pola mañá e de maneira gratuíta da velocidade coa máxima seguridade á vez que agudizarán o seu sentido estratéxico xa que todos os karts teñen as mesmas características. “Este fin de semana Ferrol vai ser a cidade do deporte xa que non só vamos levar a cabo este evento senón que temos outros encontros deportivos como o partido de ascenso do Racing e a final do Campionato Nacional Cadete Baloncesto Masculino ” recordou a edil.
Pola súa banda, a directora de Karting Galicia manifestou que “é un pracer volver a esta cidade de motor na que a iniciativa sempre ten unha boa acollida por parte do público”. Esta sétima edición conta con numerosas novidades entre as que destacan novos karts con motores máis potentes, vehículos bipraza e unha zona de dinamización con xogos, inchables, agasallos e onde ademais poderase practicar escalada. O horario do evento será o seguinte: o venres de 10:00 a 14:00 (reservado a escolares) e de 16:30 a 21:30 horas, sábado e domingo de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas. Ademais, o evento contará cunha zona de dinamización con xogos, inchables e agasallos para que poida gozar toda a familia.