publicidade hoxe

A Concellería de Benestar Social realizará tres cursos formativos de voluntariado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe dos puntos tratados na comisión informativa ordinaria da súa área que tivo lugar esta mañá no Pazo Municipal. Na reunión deuse conta da próxima celebración de tres cursos formativos que se realizarán a través da Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Ferrol; e da segunda edición dos cursos de memoria para Persoas Maiores do programa municipal de Envellecemento Activo. Os membros da comisión tamén deron o seu ditame favorable da modificación das bases do Premio Solidario 2013.

Os cursos formativos que se realizarán a través da Oficina de Voluntariado Municipal, dependente da Área de Benestar Social, son tres. A acción formativa básica de voluntariado, destinada a todo tipo de público tendo prioridade as persoas dadas de alta neste servizo municipal, estará dirixida a un total de 25 persoas e terá unha duración de 4 horas. O segundo curso será de habilidades para a comunicación e relacións de grupo para que as 25 persoas ás que está dirixido este itinerario formativo de 8 horas poidan “analizar as relacións interpersonais e as comunicacións entre persoas e desenvolver destrezas para poder realizar unha acción voluntaria de calidade”.  explicou a edil de Benestar Social. O último curso ofertado estará centrado na atención á discapacidade e dependencia dado que a través do Concello de Ferrol se están a levar a cabo accións de voluntariado dirixidas a persoas maiores. Esta acción, dirixida a un total de 25 persoas e cunha duración de 8 horas, ten como obxectivo proporcionar formación actualizada e adaptada ás necesidades dos voluntarios. “Ten que haber unha mínima formación da discapacidade e das súas necesidades, dado que está dirixido a estas  persoas, para que a acción voluntaria sexa de calidade”, apuntou a edil ferrolá.

Ao fío disto, Martínez Beceiro facilitou cifras sobre o servizo de voluntariado municipal no que un total de 51 persoas -25 homes- están rexistradas. Así, o número de voluntarios en activo semanalmente é de 33, dos que 23 son mulleres e 10 son homes; e en demanda de espera para realizar estes cursos formativos atópanse 43 persoas. No que atinxe ás accións en alta na actualidade, a Cociña Económica conta con 28 voluntarios; en acompañamento social son 13 persoas; no Centro de Atención a Minusválidos Físicos (CAMF) para animación á lectura hai 3 persoas; para apoio ao ocio e deporte no Centro Nosa Señora de Chamorro son 4 voluntarios; e son 2 as persoas que realizan accións voluntarios no comedor Sénior do barrio de Caranza.

Novos voluntarios/as

Ademais, nestes primeiros cinco meses do ano 2013 foron dadas de alta para realizar voluntariado 16 persoas no comedor social, 2 no comedor Sénior, 9 para acompañamento social, 3 para actividades de ocio e deporte, e unha en animación á lectura. Así, os voluntarios participaron en actos puntuais, como as corais das persoas maiores ou o seminario de envellecemento activos, que foron organizados polo Concello. O perfil das persoas inscritas neste servizo municipal comprende unha idade media superior aos 40 anos e o porcentaxe de mulleres supera ao de homes. “Quero agradecer a todas as persoas que realizan estas accións voluntarias a posta en disposición tanto da súa calidade como do seu tempo que empregan nos demais”, manifestou a edil de Benestar Social.

Envellecemento activo

Por outra banda, Martínez Beceiro referiuse aos cursos de memoria dirixidos a persoas maiores foron realizados o ano pasado en cinco barrios da cidade -Esteiro, Centro, Caranza, A Graña e Canido-. Unha iniciativa que o Goberno Municipal repetirá cunha segunda edición dirixida a cinco novas zonas -Ensanche A, Ferrol Vello, Recimil, San Xoán de Filgueira, O Bertíon e Valón -.

Estes obradoiros, que levan por título “Reverdecendo a memoria II” e que forman parte do Plan Municipal para o Envellecemento Activo serán realizados en 11 sesións – unha ou dúas semanais- e impartiranse polas mesmas monitoras. “O grao de satisfacción dos asistentes á primeira edición destes cursos foi moi alto e tamén a relación persoal coas instrutoras é moi importante mantela” engadiu Martínez Beceiro. O ano pasado participaron nestes obradoiros de memoria 100 persoas dunha idade media de 73 anos, máis concretamente, en dous dos barrios  había idades moi elevadas. “As persoas maiores necesitan relacións grupais, manter a mente activa e serve como prevención cara a dependencia”.

Bases do Premio Solidario 2013

Na comisión informativa desta mañá tamén foi ditaminada favorablemente a modificación das bases da sexta edición do Premio Solidario presentadas dende a área de Benestar Social. Rosa Martínez lembrou que esta medida foi impulsada pola proposta que o ano pasado realizou o xurado de modificar algúns dos criterios das bases pola dificultade que tiña a súa valoración, unha das proposicións aprobadas esta maña na comisión informativa foi ter en conta o ámbito local. Estas novas bases irán a Xunta de Goberno Local a vindeira semana.

30 de maio de 2013 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.