A concellería axudará a preparar as probas libres da ESO aos mozos que non teñan completado o ensino obrigatorio
A Concellería de Educación pon en marcha no mes xuño unha nova edición das Titorías para a preparación das probas libres para a obtención do Graduado na ESO, unha actividade coa que se pretende facilitar que as persoa adultas que non completaron no seu día o ensino obrigatorio, teñan a oportunidade de facelo agora. Durante catro meses, os interesados poderán asistir ás clases preparatorias que se impartirán de xeito gratuíto no Centro Formación de Matosinhos, de xeito que poidan presentarse con éxito aos exames que a Xunta realizará en setembro. A inscrición para as clases xa se pode facer no Rexistro do Concello.
Estas titorías preparatorias das probas libres para obter o título da ESO forma parte do programa de retorno educativo que desenvolve a concellería que dirixe Rocío Llovo. A actividade está dirixida a mozos de entre 16 e 24 anos de idade (aínda que só poderán facer os exames de setembro os que teñan cumpridos os 18 anos o día da proba) abandonaran os estudos sen completar a ESO e que non estean matriculados nun centro oficial. Aparte de facilitarlles que completen as ensinanzas obrigatorias, o programa tamén persegue abrir unha vía para que os alumnos poidan retomar os estudos podendo acceder a graos superiores, como o Bacharelato ou a Formación Profesional de Grao Medio. Trátase dunha alternativa que moitos mozos que se atopan en situación de desemprego poden aproveitar para mellorar a súa formación e currículo.
As titorías impartiranse do 3 ao 21 de xuño, de luns a venres en horario de 9:45 a 13:15 horas. Entre o 24 de xuño e o 11 de setembro, as clases de apoio, cambian a horario de tarde e serán , tamén de luns a venres de 16:30 a 20:00 horas. E na última fase, a que se celebrará do 12 ao 30 de setembro, serán de 9,45 a 12.45 horas.
Durante os meses que dura o curso, os alumnos traballarán os contidos dos tres ámbitos sobre os que versan os exames para a obtención do título: Comunicación (que inclúe as materias de Lingua e Literatura Galega e Castelá; redacción e Lingua Estranxeira), Social (que agrupa as áreas de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación para a Cidadanía, Plástica e Música) e Científico Tecnolóxico (que inclúe as materias de Matemáticas, Ciencias da Natureza, Tecnoloxía e aspectos relacionados coa Educación Física).