A Concellaría de Tráfico contribuirá con 55.000 euros á redución do impacto ambiental e mellora da seguridade do servizo de taxi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, informou de que se destinan 55.000 euros a subvencións para
auto-taxi híbridos, eléctricos, a gas natural, gas licuado de petróleo (glp) e demais combustibles alternativos; instalación de medios de seguridade como biombos, GPS; así como para a implantación de vehículos destinados a Eurotaxis, para persoas con mobilidade reducida.

Freire sinalou que a convocatoria e o importe de subvencións para 2013 foron consensuados co sector do taxi, para adaptarse ás verdadeiras necesidades do colectivo. A convocatoria publicouse onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) cun prazo de solicitude dun mes a contar dende a devandita publicación. A concelleira recalcou que estas subvencións están orientadas a varios requisitos:

Mellorar a calidade obxectiva do servizo por enriba dos estándares habituais, atendendo a requirimentos de seguridade e accesibilidade. “A calidade non se pode entender sen seguridade ou accesibilidade, e neste apartado das axudas considéranse por exemplo a colocación de biombos de separación, dispositivos electrónicos como os GPS ou potenciar a substitución dos vehículos tradicionais por outros adaptados a persoas con mobilidade reducida”, “como son os Eurotaxis”, indicou.

Reducir o impacto ambiental. A responsable municipal recordou que un dos obxectivos do grupo de goberno é contribuír á paulatina substitución de vehículos de combustibles fósiles por outros de menor impacto ambiental, como son os híbridos, eléctricos, híbridos enchufables, de glp, gas natural e demais vehículos de combustibles alternativos. “O noso sector do taxi coruñés é un sector comprometido coa cidade e co medio, xa que máis do 20% do sector xa utiliza combustibles alternativos, contribuíndo así a rebaixar as emisións de óxido de nitróxeno e CO2,” afirmou Freire.

A Concellaría de Tráfico e Mobilidade informou de que as axudas teñen un importe máximo de 2.950 euros, para Eurotaxis adaptados a persoas con mobilidade reducida, eléctricos ou híbridos; de 2.000 euros por vehículo auto-taxi a glp, gas natural, ou outro combustible alternativo; e de 150 euros para instalación de medios de seguridade ou innovacións técnicas como biombos e gps.

“As subvencións do ano anterior tiveron moi boa acollida, despois de concederse 28 axudas que oscilaron entre os 150 e os 2950 euros”, remarcou Freire, quen detallou a repartición destas 28 axudas:

– 3 axudas de menos de 2.000 euros.

– 22 axudas de 2.000 euros.

– 3 axudas de 2.950 euros.

A responsable de Tráfico e Mobilidade indicou que é consciente das dificultades polas que está a pasar o sector, e que estas subvencións a fondo perdido -que forman parte dos obxectivos de sostibilidade do grupo de goberno- consensuáronse coas asociacións de taxis, que colaboran activamente na mellora xeral desta modalidade de transporte, esencial para garantir o dereito á mobilidade de todas as persoas en todo o ámbito municipal e a calquera hora.

22 de maio de 2013 | 16:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.