A compañía lucense Nostrum Cai Teatro representará este domingo “Radio universo” en Ferrol
A programación de maio do ciclo de teatro afeccionado “Domingos a Escena”, da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, continúa este domingo día 12 coa actuación da compañía Nostrum Cai Teatro (Lugo), que interpretará a obra “Radio Universo” no Centro Cívico de Caranza. A representación dará comezo ás 19:00 horas e será de carácter gratuíto.
O argumento situase no século XXV, nunha Galicia que é o único país do planeta onde os niveis de clonación alcanzan a perfección máis alá do clon número douscentos da mesma persoa. A industria da clonación medra arredor dos experimentos realizados na figura do Primeiro Presidente, unha estirpe de clons do Primeiro gobernan o país dende o século XXI. Mentres se resolvían os últimos casos do moco de pavo nas granxas de Cloren, comezou a tomar forma un novo perigo: a morriña, enfermidade que ataca fatalmente aos galegos dentro da súa propia terra. Ante tal situación Clontinente, a empresa creada polo Primeiro Presidente, anuncia un plan de choque para solucionar o problema: o Plan Ledicia. “Enviaremos unha misión tripulada a bordo do cruceiro interestelar Lalín 2009 para demostrar que o universo é curvo”. Radio Universo, a emisora galega no espacio exterior, con MariCastaña e SuperCarballeira, é a encargada de facer o seguimento da travesía do Cruceiro Interestelar.











