A comisión do Casco Histórico dá luz verde ao acondicionamento da Sala de Armas do Pazo de Xelmírez

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta dos asuntos abordados na última sesión da comisión asesora do Casco Histórico, na que se aprobaron, ademais das que se realizarán en Xelmírez e no Hostal, obras de restauración no mosteiro de San Martiño Pinario e na Igrexa da Orde terceira franciscana. As obras previstas na Sala de Armas e dependencias anexas situadas na planta baixa do Pazo de Xelmírez consistirán no seu acondicionamento como sala de exposicións para o que é necesario o levantamento do actual pavimento co fin de impermeabilizar o chan e a colocación dun novo de pedra, incluíndo xa as instalacións soterradas. Tamén se realizará unha nova caseta de control e colocaranse portas cortavento na entrada, novas carpinterías en portas e fiestras e instalarase un ascensor para comunicar a planta baixa do pazo coas dúas plantas superiores. Esta actuación conta cun orzamento que ascende a 207.323,48 euros e cun tempo de execución de catro meses.

Tamén se concedeu a licenza para a realización das obras de emerxencia para reparar o campanario, as vidreiras e a cuberta da Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, gravemente danadas. Neste caso repararanse os elementos de cobertura do tellado, restaurarase as oito vidreiras da capela e o campanario de ferro fundido situado no alto da torre. Para isto será necesaria unha contía de 100.401,50 euros e dous meses de traballo.

As outras dúas licenzas concedidas permitirán restaurar a fachada da Igrexa da Orde terceira franciscana e a cuberta do mosteiro de San Martiño Pinario. A primeira das actuacións consistirá no repicado e saneamento dos acabados de morteiro de cal e pintura da fachada e na colocación de canalóns e baixantes para evitar as escorrentías de auga co fin de eliminar os importante problemas de humidade que sofre o edificio. No que se refire á cuberta do mosteiro, repararanse os danos producidos como consecuencia da caída dunha cruz de forxa que remata a torre. Concretamente repararanse os elementos de cobertura (tella e placas de fibrocemento) así como os pontóns, tarima de madeira e falsos teitos afectados. Para esta actuación, dun mes de duración, destínanse 21.123,55 euros e para a igrexa franciscana, 23.306,32 euros, e tres meses de execución.

Así mesmo, concedéronse nove licenzas dentro do perímetro azul e autorizouse a colocación de dous rótulos, na rúa Preguntoiro, 10, e a placa en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño na fachada do Salón Teatro. Por último, a comisión aprobou a proposta de adxudicación das obras de acondicionamento dunha parcela para campo de festa en Nemenzo por importe de 97.595,80 euros, actuación financiada con cargo aos fondos europeos agrarios FEADER.

22 de maio de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.