A capela do Torrente Ballester acolle o espectáculo “Rosalía Pequeniña” onde os nenos aprenderán cancións en galego
A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, organiza este venres, día 30, ás 18:30 horas a actividade “Rosalía Pequeniña” na Capela do Centro Cultural Torrente Ballester. Esta iniciativa forma parte do programa de dinamización lingüística “FalaRedes”, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para os Concellos da Rede de Dinamización, da que forma parte a Administración ferrolá.
A compositora e cantante Uxía e o músico brasileiro Sérgio Tannus achegarán os versos máis coñecido de Rosalía de Castro aos nenos e nenas de 6 a 11 anos a través dun concerto a ritmo de muiñeira, blues ou rock. Nesta xornada, os máis pequenos coas súas familias poderán acudir a un espectáculo divertido de alta calidade artística onde aprenderán once cancións en galego polo 150 aniversario da publicación da obra da poetisa Cantares Gallegos.
Esta nova edición do programa de dinamización lingüística pretende crear espazos de uso, aprendizaxe e interacción en galego, ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás novas tecnoloxías da comunicación (TIC). Búscase ligar a imaxe da lingua galega aos valores positivos e modernos da sociedade actual a través das súas actividades gratuítas e destinadas a distintos tipos de público. Ao mesmo tempo que se reforza o uso do galego entre galegofalantes e proporciona modelos lingüísticos de referencia aos cativos de orixe castelanófona. A Rede de Dinamización Lingüística é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na que a día de hoxe participan xa preto de 150 entidades de toda Galicia, co obxectivo prioritario de establecer e consolidar vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica.
Ata finais de ano, “Rosalía Pequeniña” chegará a un total de 40 municipios da Rede de Dinamización Lingüística. Para máis información, os interesados poden consultar a páxina web oficial do programa: www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 .