A campaña “Presume de praceiro/a” repartiu os últimos 150 euros en vales de compra

Lectura dun dos agraciados
O Mercado Municipal acolleu esta mañá o último dos dous sorteos que se levaron a cabo dentro da campaña “Presume de praceiro/a” posta en marcha pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria en preto dun centenar de prazas de abastos de toda Galicia. Participaron na rifa aqueles clientes e clientas do mercado municipal que nos últimos días mercaron nos postos da praza e depositaron as súas papeletas nunhas urnas destinadas a tal fin incluíndo, ademais dos seus datos persoais, o posto do mercado do seu praceiro/a favorito. No sorteo estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes; un representante da Dirección Xeral de Comercio; e a xerente do Centro Comercial Aberto, CCA-Carballo, María del Carmen Freire. Resultaron elixidos 3 gañadores: 1º Premio, vale de 75 euros: Mercedes Lorenzo Rodríguez; 2º Premio, vale de 50 euros: Veva Vázquez Cotelo; e 3º Premio, vale de 25 euros: Jesusa Tuset Costa. Os cheques serán cambiables unicamente no propio mercado en forma de desconto nas próximas compras a través de vales por un importe de 5 euros. A validez dos cupóns para que os afortunados e afortunadas poidan canxealos remata o 31 de maio de 2013.
Despois deste segundo sorteo é o remate oficial da campaña. Hai que lembrar que no primeiro, celebrado o 12 de abril, resultaron como gañadores: co 1º Premio e vale de 75 euros: Herminia Varela Cures; co 2º Premio e vale de 50 euros: Mari Luz González Rama; e co 3º Premio e vale de 25 euros: Manuel Varela Díaz. A Dirección Xeral de Comercio recolleu hoxe todas as papeletas que tomaron parte no sorteo e chega o momento do reconto a raíz do cal resultará elixido de novo o praceiro ou praceira favorito/a dos clientes da praza carballesa. Nas edicións anteriores teñen sido dous carniceiros: Santiago de Carnicería Santiago (2011) e Jesús Manuel Costa, de Carnicería Costa (2010). O obxectivo desta campaña é incentivar o consumo de produtos perecedoiros frescos e resaltar os valores de compra nos mercados, así como a posta en valor dos profesionais que traballan cada día neles. Os interesados e interesadas en obter máis información poden facelo na web da Dirección Xeral de Comercio dispoñible nesta mesma nova.











