A campaña do conservatorio de Vilagarcía en favor de Cáritas pechouse coa recollida de 1.551 quilos de alimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A campaña “Unha nota, un alimento” desenvolvida polo Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía durante a última quincena do mes de abril pechouse coa recollida de 1.551 quilos de alimentos que foron doados a Cáritas. Tanto a dirección do Conservatorio como os responsables da organización solidaria amosáronse moi satisfeitos co resultado da iniciativa que contou coa colaboración de cinco supermercados do municipio.

A campaña consistiu na instalación de puntos de recollida de alimentos nos establecementos Froiz, HíperFroiz, Carroefour, Familia e Erosky. Para publicitar a iniciativa é a vez, dar a coñecer a actividade do Conservatorio, profesores e alumnos saíron ás rúas para ofrecer mini concertos nos supermercados colaboradores e animar aos cidadáns a colaborar doando algún alimento. A campaña completouse cun acto de clausura que se desenvolveu na Praza de Galicia consistente nun concerto das orquestras do Conservatorio. Ese día tamén se instalaron varios carros para a recollida de produtos.

Os 1.551 quilos de alimentos doados polos vilagarciáns nesta campaña distribuíronse entre os cinco puntos de recollida dos supermercados e o acto de clausura. No Eroski recolléronse 247’350 quilos de alimentos, no Familia 258’360 quilos; no HiperFroiz 383’400; no Froiz 377’50 e no Carrefour 49 quilos. Na praza de Galicia, recolléronse o día do concerto de clausura outros 235’750 quilos de alimentos. Os produtos doados foron na súa inmensa maioría e tal como se solicitaba, alimentos non perecedeiros, aínda que tamén se doaron pequenas cantidades de alimentos frescos e algún que outro produto de droguería.

Con “Unha nota, un alimento” os profesores e alumnos do Conservatorio quixeron amosar que a educación en xeral, e a musical en particular, inclúe moitos máis aspectos que os temarios e a formación que se imparte no centro. E un dos máis importantes é conectar coa realidade, ser partícipe do que pasa na sociedade que os rodea. Con esta filosofía idearon a iniciativa coa que o centro de ensino musical quixo sumar a sensibilidade da música coa solidariedade.

13 de maio de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.