A Biblioteca Municipal Sagrada Familia da Coruña acolle o xoves un concerto do grupo The Lákazans

The Lákazans
A Concellaría de Cultura anuncia que o próximo xoves, 23 de maio, se pecha a tempada de primavera do ciclo de música entre libros Os Xoves na Sagrada. A formación de Boiro The Lákazans ofrece un concerto na Biblioteca Municipal Sagrada Familia, na rúa Antonio Pereira.
O concerto, con entrada libre ata completar aforamento, comezará ás 20.00 horas. A súa música vai dende o blues máis clásico de artistas como Muddy Waters ou Hound Dog Taylor ata o soul de Aretha Franklin ou Sam Cooke, pasando polo country de Johnny Cash, e mesmo grandes clásicos como Bob Dylan, Rolling Stones ou Neil Young. A maior parte do seu repertorio está conformado por versións destes artistas que pouco a pouco vanse combinando con temas de colleita propia.
The Lákazans consegue levar as cancións a un terreo moi persoal, en parte tamén por ter que adaptar temas a un repertorio totalmente acústico. A pesar da súa xuventude, ten unha notable traxectoria e acaba de regresar do seu último concerto en Dublín e xa ten no mercado o seu primeiro traballo discográfico.