A Biblioteca Municipal de Estudos Locais homenaxea a Roberto Vidal Bolaño
A Concellaría de Cultura anuncia que a Biblioteca Municipal de Estudos Locais celebra o próximo luns, 13 de maio, unha sesión de lectura teatral musicada para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño, figura á que se lle dedica o Día dás Letras Galegas deste ano. O acto empezará ás 20.00 horas.
Picaversos é unha cita poética que chega agora á cidade da Coruña para fomentar o pracer de escoitar literatura. O músico Bernardo Martínez interpretará fragmentos das pezas que compoñían a banda sonora das obras de Roberto Vidal Bolaño. Bernardo Martínez, que é un dos compositores máis destacados do teatro galego, encargouse da música de pezas memorables de Vidal Bolaño como Doentes, Días sen gloria, Saxo tenor e A burla do Galo.
No acto do próximo luns na Biblioteca Municipal de Estudos Locais, Bernardo Martínez estará acompañado da actriz Comba Campoy, quen se encargará de ler fragmentos das principais pezas do homenaxeado.











