A biblioteca de Vilagarcía acolle a sesión de “Contos para bebés” do dúo Pavís Pavós
A Biblioteca Municipal organiza este sábado, 25 de maio, unha nova actividade destinada a facilitar o primeiro contacto dos máis cativos da casa co mundo dos libros. Trátase dunha sesión de “Contos para bebés” que correrá da man do grupo Pavís Pavós e que se desenvolverá a partir das 11:30 horas na sala infantil da Biblioteca. A actividade, subvencionada pola Xunta a través do programa”Ler Conta Moito”, diríxese a crianzas de 0 a 4 anos e aos adultos que os acompañen. A asistencia é libre e de balde.
“Contos para bebés” é un espectáculo no que os participantes escoitarán pequenas historias apropiadas para as primeiras idades, historias que falan de cousas cotiás enlazadas con ditos e cancións tradicionais e algunha composta adrede para esta función. As cores, as formas, os sons, o xogo, o ritmo son o eixo da función. Esta sesión vai dirixida aos bebés que poderán seguila dende o colo da súa nai, pai ou adulto que o acompañe e tamén a calquera cativo de até 3 ou 4 anos que poderá gozar igualmente destas pequenas historias e xogos.
“Contos para bebés” foi incorporado ao repertorio de PAVÍS PAVÓS no ano 2012. Dende había tempo dentro do grupo sentíase a necesidade de dirixirse aos máis pequenos e aos seus pais xa que cada vez era máis reclamada esta actividade tanto polos pais como polos educadores e os bibliotecarios que manifestaban abertamente o baleiro dentro do campo das actividades relacionadas co achegamento aos libros e aos contos.
Pavís Pavós
Pavís Pavós formouse como grupo de contadores de contos para público infantil no ano 1996 en Pontevedra. Traballa principalmente en Galicia con contos en galego e tratando de recuperar contos, adiviñas, refráns, fraseoloxía e xogos propios da nosa tradición. Pavís Pavós centra o seu labor na recuperación da oralidade e tamén na recuperación da maneira tradicional de contar contos. Ademais de contos tradicionais, Pavís Pavós tamén inclúe nos seus espectáculos contos de nova creación e con formatos contemporáneos.











