publicidade hoxe

A biblioteca conmemora o Día das Letras cunha exposición sobre Vidal Bolaño e dúas sesións de contacontos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas, a Biblioteca Pública Municipal “Rosalía de Castro” organiza unha exposición adicada o autor homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño, e dúas sesións de conta contos. Coincidindo coa semana das Letras, o centro continua desenvolvendo estes días a campaña de animación á lectura entre os escolares, con divertidas actuacións do Caracol Sol.

A exposición sobre Roberto Vidal Bolaño consta de dúas partes. A primeira foi elaborada pola propia Biblioteca e céntrase na bibliografía do autor existente no fondo do centro municipal, tanto a obra do propia como como biografías e estudios críticos realizados por outros sobre a súa obra A modo ilustrativo e para que os usuarios se podan informar e coñecer mellor ao autor homenaxeado este ano, a Biblioteca tamén elaborou un díptico no que se recolle unha reseña biográfica e un listado da súa obra.

Colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Esta mostra bibliográfica compleméntase co material enviado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre a vida e obra de dramaturgo compostelán. A mostra estrutúrase en 10 carteis nos que se conxuga a información gráfica (fotos de vida, debuxos, portadas de libros, manuscritos, etc.) coa información escrita. Un texto fai de fío condutor percorrendo a vida e obra do autor en todos os paneis. A exposición, emprazada no vestíbulo da Casa de Cultura, permanecerá aberta dende o xoves 16 ata finais do mes de maio.

Tamén o xoves, a xornada previa ao Dia das letras, a Biblioteca organizará dúas sesións de contacontos, unha na sede Biblioteca Rosalía de Castro e outra na Axencia de Lectura de Bamio. Ás 10 da mañá comezará na sede de Rey Daviña o contacontos a cargo da animadora e ilustradora Marisa Irimia. A actividade leva por título “kontos de akí e de akolá”. Trátase, como di a ilustradora de “contos recollidos akí e akolá, contos de sabores, de olores e sons, contos cegados de outros lugares, contos da esquina do lado, contos doutros tempos e outras falas. Unha viaxe a través dos libros cara outros lugares e culturas”. A sesión enmárcase dentro do programa Ler conta moito, e ten como finalidade a promoción do libro e da lectura. Participarán nela os nenos e nenas de 1º e 2ª curso de primaria do colexio San Francisco.

Xa pola tarde, a actividade trasladarase á Axencia de Lectura de Bamio onde, a partir das 18:00 horas, o Caracol Sol ofrecerá unha sesión especial de contacontos. A entrada será libre e gratuíta.

O dramaturgo homenaxeado

Roberto Vidal Bolaño naceu en xullo de 1950, no popular barrio de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. Comezou a traballar dende moi novo e a interesarse polo teatro e o cine. En 1975 crea o grupo teatral Antroido, co que vive unha etapa moi creativa e participa intensamente na dinamización teatral en Galicia.

En 1984 créase o Centro Dramático Galego co que Vidal Bolaño colaborará activamente. A representación da súa obra “Agasallo de sombras” causa represalias que o afastan do teatro e reorienta a súa labor cara a creación audiovisual, traballando para a Televisión de Galicia.

Máis tarde, Vidal Bolaño, volve ao teatro creando a compañía “Teatro do Aquí”, nunha etapa de moita creatividade e conseguindo o soño da profesionalización teatral. Faleceu en setembro de 2002. A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño convérteo nun dos grandes escritores da literatura galega.

Visita de escolares da Lomba e Rubiáns

Por outra banda, esta semana continúa desenvolvéndose a Campaña de Fomento a Lectura posta en marcha pola Biblioteca e na que participan escolares de 1 curso de Primaria de todos os centros educativos do municipio. Mañá, 15 de maio, visitarán a sede da Biblioteca alumnos dos colexios da Lomba e Rubiáns. Esta campaña en como finalidade aumentar o índice lector dos máis pequenos, mediante a realización de actividades encamiñadas a incentivar a lectura, así como dar a coñecer e achegar a biblioteca e axencias de lectura ós nenos e nenas da nosa vila.

14 de maio de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.