A banda “Crebinsky” presenta o seu novo disco na capela do Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol
Os concertos programados para o mes de maio do ciclo “As Noites en Capela”, organizado pola Concellería de Cultura, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, pecha pasadomañá xoves, día 30, coa actuación da banda Crebinsky na Capela do Torrente Ballester. O concerto dará comezo ás 21:00 horas e as entradas poden adquirirse de maneira anticipada no despacho do Teatro Jofre ou a través da páxina web oficial do Concello: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
Esta pequena orquestra popular xorde dun universo imaxinario, fuxida do filme Crebinsky. Do mesmo modo, as súas músicas nacen como banda sonora e saltan da pantalla para correr ás rúas e aos escenarios, crecendo e desenvolvéndose con grande enerxía. Tras poñer son ao filme Crebinsky fusionando estilos como o folk, klezmer, jazz, rock, música clásica ou experimental, aderezados con letras en galego, ruso, castelán, francés e italiano a banda realiza no ano 2012 o seu segundo traballo “Jet Lag”. Este novo disco, que presentará no Centro Cultural Municipal, opta por un son máis ecléctico e directo, rápido no cambio de estilos, tempos, franxas horarias, culturas e idiomas nunha viaxe a un mundo en constante metamorfose.











