publicidade hoxe

A Aula CeMIT de San Sadurniño centra a súa programación de maio no uso das TIC para a busca de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Atopar un traballo pode ser menos difícil se se saben utilizar as tecnoloxías da información e do coñecemento. Manexar con soltura o ordenador, saber preparar un currículum e participar nalgunha das plataformas de ofertas de emprego son cuestións básicas para que a procura teña éxito. A aula CeMIT do Concello de San Sadurniño dedicará todo este mes de maio, precisamente, a mostrarnos as posibilidades de múltiples ferramentas que nos axudarán a vender as nosas aptitudes dunha forma máis efectiva.

Antes de adentrarse nas ferramentas hai que ter uns coñecementos informáticos mínimos. A actividade Primeiros pasos na informática e internet, cunha duración de 6 horas, impartirase os venres 3, 10, 24 de maio, en horario de 10 a 12 horas. Con este curso trátase de adquirir os coñecementos básicos sobre o manexo dun ordenador, a navegar por Internet, a buscar información e a crear e xestionar unha conta de correo electrónico.

O segundo curso que relaciona TIC e emprego desenvolverase os días 6,7 e 8 de maio en horario de 16 a 18 horas e nel aprenderemos a elaborar un currículum usando o procesador de textos Open Office. En Elabora o teu CV tamén veremos outras alternativas ao currículum vitae tradicional, como son os currículos en web ou en infografía.

Moitas veces as ofertas de traballo circulan pola rede agardando que alguén as atope. Pero para atopar hai que saber buscar. O curso Atopa traballo a través de internet achegaranos varios recursos dispoñibles na Internet como, por exemplo, as bolsas de emprego, os portais, os directorios de empresas e outros lugares que se deben visitar de forma periódica. Moitos deles permiten suscribirse ás novidades que publican de maneira que podemos preparar unha serie de fontes que nos comunicarán ao correo electrónico calquera oferta que salte. O curso celebrarase os días 13,14 e 15 de maio entre as 16 e as 18 horas.

Entrar formar parte dunha rede social ou profesional tamén nos pode ser de axuda. Linkedin é unha das máis coñecidas. Nela podemos entrar en contacto con outros profesionais e empresas que se movan no noso ámbito laboral. Esta plataforma é punto de encontro no que debater sobre distintos asuntos do noso interese profesional e un dos lugares aos que as empresas recorren para ver currículums. Sobre como aproveitar Linkedin, Facebook ou Twitter para encontrar traballo falarase no curso Redes sociais e profesionais para a busca de empregode 6 horas de duración. Desenvolverase na aula CeMIT os días 20,21 e 22 de maio en horario de 16 a 18 horas.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estes e outros cursos só hai que dirixirse á Aula CeMIT do Concello de San Sadurniño, na Casa de Cultura (Avenida Marqués de Figueroa Nº 11), entrar na web https://cemit.xunta.es/, ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.sansadurnino@xunta.es

2 de maio de 2013 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.