A asociación Artelladas convoca o segundo concurso “ARTEllando na lingua”
O colectivo cultural Artelladas abriu recentemente o prazo de presentación de traballos para o seu concurso de relato curto, poesía e banda deseñada “ARTEllando na lingua”. Esta é a segunda edición dun certame que cadra co mes das Letras Galegas e que está aberto a todas as idades. Os orixinais poden enviarse ata o 13 de maio.
Todos os traballos terán que estar escritos en galego e cunha extensión distinta dependendo do tipo de obra que sexa. Así, para relato curto o máximo son 1.000 palabras mentres que para poesía o tope fíxase nas 500. No caso da banda deseñada as obras terán que estar entre as 50 e as 250 palabras.
As bases establecen que cada participante poderá presentar como máximo unha obra por cada xénero. As categorías son tres: infantil, para nenos e nenas de ata 12 anos; xuvenil, para rapazada de entre 13 e 18; e adultos, para quen teña 19 ou máis anos. O premio para cada unha destas categorías é un libro electrónico.
As obras poden facérselle chegar á asociación por tres vías: correo electrónico -artelladas@gmail.com-, deixándoas en formato papel na biblioteca en horario de tarde ou entregándollas en man a calquera compoñente da entidade. É importante que os traballos se entreguen en sobre pechado e sen ningún tipo de identificación ou marca. Os datos persoais deberán ir dentro dun sobre pechado grampado á obra. Os que se envíen por correo-e irán sen datos persoais.
O prazo de presentación de obras para o concurso “ARTEllando na lingua” remata o 13 de maio. O xurado está composto pola bibliotecaria municipal Anabel Gavín, o exmestre do CPI Xosé Pantín e a xornalista Patricia Hermida. Os premios entregaranse ás 13.30h. do día 17 de maio, dentro dos actos programados polo Concello co gallo das Letras Galegas. A iniciativa está organizada por Artelladas en colaboración co Concello.











