A área de Xuventude da Coruña pon en marcha a campaña ‘Móvete’ co sorteo de dous billetes de InterRail
O Concello da Coruña, a través da área de Xuventude que dirixe Francisco Mourelo, informa de que o CMIX (Centro Municipal de Información Xuvenil) pon en marcha a campaña Móvete, sorteando dous billetes de InterRail. Desta forma, todas aquelas persoas con idades comprendidas entre 15 e 35 anos que utilicen o servizo de turismo xuvenil ata o 25 de xuño, e grazas á colaboración de Renfe Viajeros, poderán participar neste sorteo.
O Concello recorda que o CMIX ofrece aos mozos información e asesoramento na planificación e a organización das súas viaxes, e pon á súa disposición a Viaxeteca do CMIX, composta por abundante material documental e bibliográfico: un servizo de préstamo de guías de viaxe, folletos turísticos, mapas e planos, itinerarios, transportes (InterRail, compañías aéreas de baixo custo…), aloxamentos, turismo activo, campamentos, campos de traballo, festivais e cursos de idiomas, entre outros. O CMIX, ademais, tramita todos os carnés específicos para a xuventude: Xove euro<30, Alberguista, Internacional de estudante e Xove internacional.
Paralelamente, e ao longo o verán 2013, iranse desenvolvendo unha serie de iniciativas, como o X Concurso de fotografía Viaxarte, un taller gratuíto de fotografía para viaxes e un Encontro Viaxeiro.
A próxima actividade terá lugar o 27 de xuño e consistirá nun Encontro Viaxeiro no que Jorge Sierra, Sandra Candal e Moisés Fernández, viaxeiro que deu a volta ao mundo nun 2CV, creadora do blog http://viajedemivida.es e viaxeiro de InterRail, respectivamente, compartirán as súas experiencias viaxeiras con outras persoas.
Así mesmo, o CMIX convoca a X Concurso Viaxarte de Fotografía de Viajes. O prazo para a admisión de fotografías será do 1 de xullo ao 2 de setembro. Poderán participar mozos de entre 15 e 30 anos con fotografías relacionadas co tema viaxeiro e poderán gañar unha fantástica viaxe a unha capital europea.
Inscricións, bases e máis información en www.coruna.es/nex