A alcaldesa visita as obras de recuperación de Alfacuca e interésase polos proxectos deseñados polos alumnos do Obradoiro

A rexedora departindo con alumnos do obradoiro
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Formación e Emprego, Óscar Soto, visitaron esta mañá as obras de adecuación e mellora da aldea Alfacuca na parroquia mosense de Louredo que están a acometer os alumnos e alumnas dos Obradoiros de Emprego Alfacuca III das especialidades de agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns e instalación e montaxe de elementos de madeira. Os representantes municipais puideron comprobar na súa visita matinal os avances nos traballos de recuperación deste contorno, que xa está prácticamente listo para a súa utilización nun proxecto de futuro.
Tras tres obradoiros de emprego o contorno de Alfacuca atópase xa na recta final da súa rehabilitación, é por iso que as alumnas da especialidade de deseño de productos gráficos e promoción turística local están a traballar nun Brainstorming ou tormenta de ideas sobre a potencialidade turística da aldea. Neste sentido as liñas de traballo máis refrendadas polas alumnas desta especialidade son a instalación dunha granxa escola para nenos, a explotación da zona como un parque de aventura ou de aloxamento rural combinando albergue e camping.
Estas tres liñas de traballo lle foron expostas á rexedora local e ó edil de Formación e Emprego durante a súa visita de hoxe a Alfacuca. Durante a presentación destes proxectos de futuro para a aldea, as alumnas adicadas ó estudio das mesmas aportaron detalles sobre as tres propostas. No caso da granxa escola para escolares o lugar sería empregado para realizar acampadas e excursións nas que os nenos practicasen os métodos de cultivo tradicionais, así coma elaboración de pan artesán entre outros labores, andainas pola zona, etc. No caso do parque multiaventura crearíase unha área recreativa e de esparcemento dirixida a familias e grupos na que poder practicar actividades coma tirolina, hípica, entre outras. E no caso do aloxamento rural instalaríanse dormitorios tipo albergue nas edificacións e adaptaríase para a acampada o terreo exterior, contando tamén cun pequeño restaurante de comida caseira. En calquera dos tres casos contémplase a instalación, a maiores, dun museo sobre a historia da aldea, cos atavíos empregados na época na que estivo habitada, maquetas, exposición dos sistemas de funcionamento de muíños e regadíos, artesanía, etc.
Por parte do Concello de Mos teranse moi en conta as propostas presentadas dende o Obradoiro de Emprego para o uso futuro de Alfacuca e dende a administración local continuarase a traballar para materializar e facer realidade unha delas, segundo lles trasladou hoxe Óscar Soto ás alumnas traballadoras da especialidade de deseño gráfico e promoción turística.
Detalles do Obradoiro
As especialidades das que consta esta terceira edición do Obradoiro de Emprego Alfacuca son agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns, instalación e montaxe de elementos de madeira, e as xa mencionadas promoción turística local e deseño gráfico. Cada especialidade conta con 8 alumnos traballadores. Destas catro especialidades das que consta o obradoiro destacar que son catro áreas que teñen na actualidade unha importante saída laboral.
Outros dos traballos que se están a levar a cabo durante este novo obradoiro de emprego son a recuperación ambiental e restauración paisaxística de Alfacuca, plantación de especies arbóreas e plantas autóctonas, creación de espazos de ocio e lecer e zonas de acampada, creación dunha horta ecolóxica cunha finalidade educativa e de desenvolvemento persoal.
A revalorización do espazo de Alfacuca e dos outros espazos naturais do municipio nos que se pretende actuar coa especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, ten como obxectivo conseguir converter a Alfacuca nunha zona de esparcemento e lecer, ao que se suma a súa ubicación nun entorno natural, que proporciona a posibilidade de organización de eventos medioambientais e acampadas, e sobre todo da recuperación de especies autóctonas, como os carballos, entre outros.
Á especilidade de instalación e montaxe de construcción de madeira súmanse módulos formativos doutras especilidades, que complementan a formación e práctica profesional dos alumnos-traballadores, como manexo de carretillas elevadoras, de modo que estes poidan, ao finalizar o obradoiro ou durante o mesmo, obter o carné de carretilleiro, ocupación actualmente demandada no mercado laboral.
A outra especilialidade, a de promoción turística local e deseño de productos gráficos, pretende que os seus alumnos-traballadores teñan unha visión ampla das necesidades dunha localidade e poidan cubrir esas necesidades de forma casi completa, co obxectivo de mellorar a imaxe do municipio, e posibilitar unha promoción dos recursos locais existentes.