publicidade hoxe

A Ágora e o Fórum Metropolitano lanzan a súa oferta de campamentos para este verán con case 1.000 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a oferta municipal para os campamentos infantís de verán que se desenvolverán nas instalacións do Fórum Metropolitano e do centro sociocultural Ágora. En concreto, puxéronse a disposición dos interesados, 832 prazas, 104 por quenda e edificio. Así, estableceranse catro quendas quincenais, entre o 1 de xullo e o 30 de agosto. “Esta é unha das novidades respecto a outros anos nos que as quendas se dividían por semanas polo que sempre quedaba algunha sen cubrir. Agora a oferta é máis ampla dando resposta ás necesidades das familias unha vez finalizado o curso escolar”, explicou Fernández.

En concreto, ofreceranse catro quendas:
1ª quenda: do 1 ao 15 de xullo.
2ª quenda: do 16 ao 31 de xullo.
3ª quenda: do 1 ao 14 de agosto.
4ª quenda: do 19 ao 30 de agosto.

“A oferta de actividades que presentamos busca cubrir parte do ocio dos nenos e nenas da nosa cidade a través de todo tipo de actividades que se centran no descubrimento do noso ámbito máis próximo e nas relacións sociais entre os participantes”, destacou a concelleira que explicou as temáticas que terán cada un dos campamentos.

Temáticas:

1. º quenda – A miña cidade.

Os participantes descubrirán a través da historia, o ámbito ou as propostas de ocio coruñesas, como deseñar unha guía turística da cidade e que valores poñerán en alza para ensinárllela aos demais.

2. º quenda – Unha viaxe ao Jurásico.

Os menores achegaranse ao mundo da paleontoloxía, a xeoloxía ou a bioloxía para coñecer mellor aos dinosauros, as súas características, as distinas especies, por que se extinguiron ou onde e como vivían ou comían.

3. º quenda – A biblioteca de Alexandría.

Neste campamento preténdese que, a través dos personaxes fantásticos, protagonistas de cómics ou libros, os nenos e nenas descubran todo o que lles pode ofrecer unha biblioteca e aprendan a crear unha propia.

4. º quenda – De festa en festa.

Os participantes coñecerán os nosos pobos e tradicións a través das distintas festas históricas que se desenvolven ao longo da xeografía galega. Festas como a Batalla de Elviña; a Reconquista de Vigo; a Romaxe da Saínza, en Rairiz de Veiga; o Desembarco Viquingo de Catoira, a Festa do Esquecemento, en Xinzo de Limia; ou o Arde Lucus, en Lugo.

O prazo de preinscrición permanecerá aberto do 6 ao 9 de maio; o día 10 realizarase un sorteo público e o 13 publicarase a lista de admitidos e listas de espera. O prazo de inscrición será entre os días 13 e 16 de maio e a partir do 20 informarase por teléfono a quen teñan obtentenido praza da lista de espera. A inscrición poderase realizar de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas nas conserxarías da Ágora e do Fórum Metropolitano.

A solicitude realizarase no centro no que se desexe desenvolver os campamentos. Pódense solicitar todas as quincenas que se desexen, por orde de preferencia xa que primeiro se adxudicará a primeira opción solicitada ata completar a oferta e logo se buscará conceder polo menos unha aos seguintes solicitantes antes de conceder unha segunda quincena a alguén que xa ten unha. O sorteo realízase extraendo un número e a adxudicación de prazas comezará a partir da solicitude que teña ese mesmo número. Se a última praza lle corresponde a un menor cun irmán preinscrito consecutivamente, ambos os dous terán praza.

“Estes campamentos cumpren o dobre obxectivo de divertir aos máis pequenos e colaborar coa conciliación laboral e familiar dos seus pais, polo que se converteron nun gran reclamo para todas as familias da cidade. Ademais, contribúen ao desenvolvemento dos máis novos inculcándolles valores como o compañeirismo ou o traballo en equipo”, concluíu.

Haberá quendas quincenais, con actividades de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, agás o último día de campamento, en que se prolongará o horario ata as 17:00 horas para realizar unha xornada de convivencia fóra da cidade. As familias que o desexen poderán solicitar a ampliación de horario de 9:00 a 10:00 horas, no momento da inscrición. A cota será de 35 euros por participante e quenda.

2 de maio de 2013 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.